Huawei actualiza o Matebook X Pro e anuncia Share OneHop

Hai agora un ano Huawei anunciaba, tamén no marco do Mobile World Congress, o Matebook X Pro, un ordenador que melloraba o Matebook X orixinal. Hoxe volve facer o mesmo anunciando a nova versión deste ordenador, cuxos principais avances afectan á pantalla e á potencia, mais tamén, novamente, ao deseño. Chámase “novo Matebook X Pro”.

O que máis destaca del é a súa pantalla, una panel de 13,9 polgadas no que os marcos apenas existen, pois esta ocupa o 91% do frontal. O seu ratio de pantalla é 3:2 (o óptimo para a produtividade, segundo Huawei), e a súa resolución é de 3000 x 2000 píxeles, cun brillo máximo de 450 nits.

No seu interior atopámonos múltiples configuracións, tanto nos procesadores (i5 ou i7 de oitava xeración), como nas tarxetas gráficas (Intel HD Graphics 620 ou Nvidia GeForce MX250), como na RAM (8 ou 16 GB) e, por suposto, na capacidade da memoria SSD (256 ou 512 ou 1024 GB).

O que é igual en todas as versións é o sistema de son, formado por catro altofalantes, e a conectividade, tanto por WiFi Gigabit como por NFC, un elemento que cobra importancia para a transferencia de arquivos. Tamén dispón dun lector de pegadas dixitais de segunda xeración, integrado no botón de acendido.

Chama a atención a recuperación do porto USB tipo A, que dábamos por desterrado, xa que en anteriores versións a marca optara por dotalo unicamente de portos USB C.

Huawei Onehop para transferir arquivos co móbil

Vencellado aos seus novos portátiles, Huawei tamén quixo presentar OneHop, un novo servizo que permite transferir arquivos (e máis cousas) entre o móbil e o portátil de maneira case instantánea.

Tan só é preciso achegar o teléfono para iniciar a transferencia, algo que se consegue grazas ao NFC que integra a nova versión do ordenador de Huawei. Deste xeito podemos compartir fotos soltas, galerías completas ou outro tipo de arquivos de maneira doada.

Outro uso que nos sorprendeu de OneHop ten que ver co texto, pois unha vez configurado e tendo portátil e teléfono preto, se seleccionamos un texto no móbil podemos “pegalo” no portátil simplemente facendo “clic” no botón dereito do rato e seleccionando “pegar”, como se tivésemos un portapapeis compartido.

Dispoñibilidade e prezo

O novo Huawei Matebook X Pro chegará ao noso país a mediados de ano en dúas versións. A máis básica, con procesador Intel i5, 8 GB de RAM e 512 GB de SSD custará 1599 euros, mentres que a versión máis ambiciosa, con Intel i7, 16 GB de RAM e 1 TB de disco subirá até os 1999 euros.

Sobre o autor

Reply