Huawei Mate X, así é o móbil pregábel de Huawei

O pasado mércores Samsung anunciou o Galaxy Fold, o seu primeiro teléfono pregábel, e hoxe foi Huawei quen deu a resposta cun teléfono que non vai deixar indiferente a ninguén: o Huawei Mate X.

Para poñernos en contexto debemos comentar que este tipo de dispositivos o que buscan é ofrecer unha pantalla grande “de tablet” ao tempo que teñen a versatibilidade dun smartphone e se pode gardar no peto para o seu transporte.

O modelo anunciado por Huawei ofrece ambas cousas, e faino cunha solución moi interesante. A diferenza da alternativa de Samsung, onde temos unha pantalla interna pregábel e unha externa dianteira, no caso de Huawei a pantalla é o envoltorio do teléfono en si, polo que unicamente temos unha pantalla que ofrecería tres tamaños, dous pregados (dianteira e traseira) e un terceiro coa pantalla desenvolta.

Concretamente, co teléfono pechado a pantalla dianteira que queda é de 6,6 polgadas (formato 19.5:9 e resolución 2480 x 1148 píxeles), mentres que a traseira é de 6,38 polgadas (formato 25:9, 2480 x 892 píxeles). Unha vez que abrimos a pantalla queda un panel de 8 polgadas con formato 8:7.1 e resolución 2280 x 2200 píxeles.

Pantalla dianteira

Co teléfono pechado temos, na parte que faría de traseira, unha liña na que se sitúa o array de cámaras. Como podedes imaxinar, estas cámaras ofrecen unha experiencia selfie superlativa, xa que realmente podemos usar as cámaras principais para iso. Outra curiosidade é que dispón de un modo “ao vivo”, de maneira que se alguén nos está a sacar unha foto podemos ver como saímos na pantalla traseira.

Parte traseira

En termos de deseño, o novo Huawei Mate X ten un grosor de 5,4 mm cando está despregado, mentres que pechado este aumenta até os 11 mm, unha cifra bastante asumíbel para un trebello desta versatilidade. O lector de pegadas dixitais sitúase no propio botón de acendido, unha ubicación non moi habitual en Huawei, pero que é necesaria polo deseño do trebello.

Outras carasterísticas a destacar son o seu procesador, onde temos a combinación dos chips Kirin 980 e Balong 5000 para dotar de conectividade 5G, o que permite velocidades de descarga de até 4,6 Gbps. A súa batería é de 4500 mAh de capacidade con Supercharge, o que supón acadar o 85% da carga con 30 minutos de enchufe.

En canto á dispoñibilidade e prezos, chegará a mediados de ano por 2299 euros.

Sobre o autor

Reply