Sony renova o seu portfolio cos Xperia 1, Xperia 10, Xperia 10 Plus e Xperia L3

Sony leva varios anos anunciando os seus novos smartphones a primeira hora do luns de apertura do Mobile World Congress, e este ano non faltou á cita. Aínda que tocaría ver o XZ4, a compañía decidiu poñer o contador a cero e iniciar unha nova nomenclatura.

Xperia 1

O Xperia 1 é o novo buque insignia da compañía, un trebello con formato “cinema wide” (21:9) e pantalla de 6,5 polgadas, con resolución 4K e soporte para HDR.

O procesador é, como non, o Qualcomm Snapdragon 855, que estará acompañado de 6 GB de memoria RAM e 128 GB de memoria interna, ampliábeis a través de tarxetas microSD de até 512 GB.

A batería é de 3.300 mAh, con funcións de carga rápida. Certamente, haberá que probalo, mais sobre o papel semella un tanto escasa para alimentar unha pantalla de semellante tamaño e calidade.

No apartado fotográfico temos unha cámara triple traseira formada por tres sensores de 12 Mpx (un angular, un gran angular e un teleobxectivo), mentres que na frontal temos unha cámara de 8 Mpx.

Xperia 10

O Xperia 10 é un modelo de gama media con pantalla de 6 polgadas con ratio 21:9. No seu interior leva o chip Snapdragon 630 de Qualcoom, xunto con 3 GB de RAM, 64 GB de interna (e microSD), dobre cámara traseira (13 + 8 megapíxeles) e cámara frontal de 8 Mpx.

O sensor de pegadas dixitais teno situado no botón de acendido lateral e a súa batería queda nos 2780 mAh.

Xperia 10 Plus

Pola súa banda, o Xperia 10 Plus é algo máis ambicioso, aínda que mantendo a mesma pantalla de 6 polgadas con formato 21:9. O procesador é un Snapdragon 636, e vén con 4 GB de RAM e 64 GB de interna (+microSD).

Tamén integra dobre cámara, neste caso de 12 e 8 megapíxeles, frontal de 8 Mpx, sensor de pegadas dixitais lateral e unha batería de 3000 mAh.

Xperia L3

Finalmente, o Xperia L3 é un terminal de entrada con pantalla de 5,7 e formato 18:9, procesador MediaTek, 3 GB de memoria RAM e dobre cámara traseira (13 + 2 Mpx).

A súa batería é de 3.300 mAh de capacidade e, sorprendentemente, chegará con Android 8, a versión anterior á actual.

Dispoñibilidade e prezo

Os Xperia 10, 10 Plus e L3 chegarán no mes de marzo, mentres que polo Xperia 1 haberá que esperar un pouco máis, segundo din “na primavera”. Sobre o seu prezo non nos quixeron confirmar nada.

Sobre o autor

Reply