HMD anuncia catro novos smartphones Nokia no Mobile World Congress

HMD, o fabricante detrás da marca Nokia, aproveitou este Mobile World Congress para lanzar catro novos smartphones e a renovación dun móbil básico, co que amplía o seu portfolio de modelos ofrecendo solucións para todas as necesidades.

Nokia 9 PureView

O Nokia 9 PureView é un dos modelos que máis deu que falar antes da súa presentación, e non é por outra cousa que por ser o primeiro smartphone en incorporar cinco cámaras con tecnoloxía ZEISS Optics. Todas elas toman a imaxe de maneira simultánea, fusionándoa nunha foto de 12 Mpx cun desempeño dinámico e unha profundidade de campo superiores.

A pantalla é un panel de 5,99 polgadas tipo P-OLED con resolución 1440 x 2280 píxeles (538 píxeles por polgada). No seu interior leva o procesador Qualcomm Snapdragon 845, con 6 GB de RAM e 128 GB de memoria interna ampliábeis por microSD.

A batería é de 3.320 mAh de capacidade, con carga rápida 3.0 e carga sen fíos a 10W. Por último, o lector de pegadas dixitais sitúase baixo a pantalla.

Nokia 3.2 e Nokia 4.2

Nokia 3.2

Trátase de dous modelos de entrada. O Nokia 3.2 é o máis grande de todos os modelos presentados por Nokia, concretamente de 6,29 polgadas con resolución HD+, polo que tamén é o que máis batería ten, 4000 mAh de capacidade.

Nokia 3.2

Pola súa banda, o Nokia 4.2 baixa até as 5,71 polgadas con resolución HD+, e batería fica nos 3000 mAh de capacidade. O procesador é un chisco máis potente (Snapdragon 439 vs Snapdragon 429).

Nokia 4.2

En ambos casos temos diferentes versións atendendo á capacidade da RAM e da memoria, que pode variar entre os 2 e 3 GB e os 16 e 32 GB, respectivamente. No apartado fotográfico a cámara principal é de 13 Megapíxeles, mentres que a frontal fica nos 5 Mpx no Nokia 3.2 e nos 8 Mpx no Nokia 4.2.

Nokia 4.2

Nokia 1 Plus

Por último , o Nokia 1 Plus é un trebello moi básico con Android Go, a versión máis limitada de Android. Leva unha pantalla de 5,45 polgadas, procesador MediaTek, 1 GB de RAM e 8 GB de memoria interna.

As cámaras son de 8 e 5 megapíxeles e a súa batería de 2500 mAh, e está pensado para venderse por baixo dos 100 euros.

Botón adicado a Google Assistant. Android One… e máis

Todos os novos modelos Nokia, agás o 1 Plus, contan cun botón adicado ao asistente de Google, o que mellora a usabilidade desta ferramenta que día a día vai engadindo novas funcionalidades. Así, as usuarias só teñen que premer no botón para acceder ás súas tarefas, consultar cousas ou obter respostas dunha maneira rápida e áxil.

Por outra banda, os teléfonos son Android One, é dicir, teñen garantidos tres anos de actualizacións de seguridade e dous de actualizacións completas do sistema operativo, e pertencen ao programa Android Enterprise Recommended, que certifica que son axeitados para o uso empresarial.

Outros accesorios

Nokia tamén aproveitou a feira para dar a coñecer novos accesorios ligados á carga sen fíos, un cargador de fogar e un powerbank, que poderán cargar os dous modelos compatíbeis da compañía e os de outros fabricantes que soporten o estándar Qi.

Sobre o autor

Reply