Crosscall leva ao MWC o seu Trekker X4

Malia ter sido presentado a finais do ano pasado, o fabricante de orixe francés Crosscall, especializado en teléfonos robustecidos, amosou o seu último modelo de referencia no Mobile World Congress, o Crosscall Trekker X4.

A diferenza do que podemos imaxinar cando falamos deste tipo de trebellos, o Trekker X4 é un teléfono resistente pero que nin abulta demasiado nin tampouco ten un peso excesivo, algo que sorprende bastante á hora de collelo na man.

Especificacións técnicas

O teléfono incorpora unha pantalla de 5,5 polgadas con tecnoloxía LCD IPS e resolución FullHD, que por suposto conta con protección Corning Gorilla Glass na súa versión 5. No seu interior alberga un procesador de gama media premium, o Snapdragon 660 de Qualcomm, xunto con 4 GB de memoria RAM e 64 GB de almacenaxe interna, ampliábeis até os 512 GB mediante tarxetas microSD.

A súa batería é de 4400 mAh, o que implica acabar o día sen maior problema, con carga rápida Quick Charge 3. a través do USB-C. Tampouco prescinde o móbil de características como NFC, Bluetooth 5.0, Dual SIM ou Android 8.1 Oreo como versión do sistema operativo de partida.

Características premium

O fabricante quixo que o seu novo teléfono servise para sustituír a todos os dispositivos que habitualmente se usan en montaña ou en actividades de risco, polo que dispón de todo tipo de sensores, entre os que destacan o barómetro, o termómetro ou o altímetro. Así mesmo tamén presta atención á súa cámara, que está pensada para poder empregarse como cámara de acción.

Esta cámara principal é de 12 megapíxeles e permite catro posíbeis ángulos de disparo (88º, 110º, 140º e 170º). Ten estabilizador de imaxe óptica e dixitial e permite gravar vídeo a 4K a 30 fps ou en 1080p a 120 fps. Así mesmo, tamén dispón dunha suite que nos permite editar os vídeos para poder compartilos rapidamente sen saír do móbil.

Comercialízase con toda unha serie de accesorios que nos permiten sacarlle todo o partido, como un arnés ou soportes de coche e manillar da bici, para poder empregalo como cámara de acción, ou tamén para carga ou para expandir memoria.

Precisamente, este uso sorprendeunos bastante, xa que ten un pequeno accesorio en forma de botón que se imanta á parte traseira do dispositivo, acoplándolle así unha tarxeta microSD.

Dispoñibilidade e prezo

O Crosscall Trekker 4 xa está dispoñíbel por 649 euros, aínda que é posíbel atopalo algo máis económico nalgunhas tendas. Entre os distribuidores que o comercializan están Media Markt e Amazon.

Sobre o autor

No Responses

Reply