Samsung anunciou o Galaxy A50

Malia que o modelo referencial de Samsung para este ano xa foi presentado a semana pasada (falamos, como non, da serie Galaxy S10), o fabricante surcoreano non quixo deixar pasar o Mobile sen facer un novo anuncio, e este foi o do Galaxy A50.

O trebello chega para aumentar a “serie A”, ofrecendo mellores prestacións, especialmente na pantalla dispoñíbel e tamén na cámara. Do seu deseño destaca tanto os acabados da parte traseira como, na parte frontal, a pequena pinguiña na pantalla para albergar a cámara frontal.

O trebello conta cunha pantalla FHD+ (1080 x 2340 píxeles) Super AMOLED de 6,4 polgadas, e no seu interior leva un procesador octacore (catro núcleos a 2,3 GHz e outros catro a 1,7 GHz). Xunto a el, 4 ou 6 GB de memoria RAM e 64 ou 128 GB de memoria interna, en ambos casos ampliábeis mediante tarxetas microSD.

No apartado fotográfico temos unha cámara triple, formada por un lente gran angular (que xunto á función Intelligent Switch nos indicará cando debemos usala), unha cámara principal de 25 Mpx e unha terceira cámara para obter a profundidade da imaxe. Dispón de 20 escenas e detección de defectos para tratar de conseguir o mellor resultado de maneira automática. Do outro lado, a cámara frontal é de 20 Mpx.

Así mesmo tamén inclúe outras novidades, como o desbloqueo mediante o sensor de pegada dixital integrado na pantalla. A súa batería é de 4000 mAh, compatíbel coa carga rápida, e dispón de NFC e compatibilidade con Samsung Pay.

O novo Samsung Galaxy A50 chegará ao mercado en catro cores: negro, branco, azul e coral, mais polo de agora non se confirmou cando o fará nin a que prezo.

Sobre o autor

Reply