Oppo e OnePlus apostan pola cámara deslizante para eliminar o notch

Dous dos fabricantes chineses máis innovadores, Oppo e OnePlus, están a ultimar os seus novos modelos de smartphone nos que se aposta pola pantalla infinita de verdade, é dicir, chegando a eliminar o notch para ter unha experiencia de pantalla completa. Isto consígueno agochando a cámara frontal, aínda que non baixo a pantalla, senón facéndoa deslizante na parte superior.

Oppo F11 Pro

O Oppo F1 Pro é un modelo de gama media, que conta cunha pantalla de 6,53 polgadas con resolución 1080p. Leva no seu interior un procesador MediaTek Helio P70, xunto con 4 ou 6 GB de memoria RAM, 64 ou 128 GB de memoria interna e 4000 mAh de batería, compatíbel coa carga rápida VOOC 3.0.

Malia que o fabricante é dos pioneiros en introducir a pegada dixital baixo a pantalla, este modelo intégraa na parte traseira, que está rematada en cores gradientes. Conserva tamén o microUSB e o jack de audio 3.5 mm.

Porén, o máis peculiar deste dispositivo é a súa cámara deslizante para as selfies, un sensor de 16 megapíxeles que sae da parte central superior. Na parte traseira temos unha cámara dobre, formada por un sensor principal de 48 megapíxeles e outro secundario de 5 megapíxeles.

OnePlus 7

No caso do OnePlus 7 non estamos a falar de información oficial, senón da que nos chega a través dun par de imaxes filtradas. Nelas vese que tamén apostaría pola pantalla infinita e a cámara superior deslizábel.

Con este movemento o OnePlus tamén conseguiría introducir unha pantalla de grandes dimensións (6,5 polgadas) nun terminal que nun resultaría excesivamente grande na man.

Polo de agora non se coñecen moitas das súas especificacións, máis aló de que se rumorea que incluirá o procesador Qualcomm Snapdragon 855, o que nos fai pensar que se trata dun modelo de gama alta.

Sobre o autor

Reply