VSmart chega o 20 de marzo para pasar o testemuño a BQ

A finais de 2018 o holding vietnamita VinGroup anunciou a compra do 51% de BQ para iniciar unha nova andaina que permitise á marca española ter o control total de todo o proceso de fabricación dos seus smartphones, desde a enxeñaría e o deseño até a montaxe final.

Froito desta operación púxose en marcha a primeira planta de montaxe e ensamblaxe en Vietnam, cunha capacidade de produción de 5 millóns de unidades anuais. Desa fábrica sairon os primeiros terminais baixo a nova marca VSmart, dos cales hai catro modelos á venda en Vietnam (dous modelos novos e dous que son versións vietnamitas dos Aquaris X2 Pro e Aquaris C).

Nun convite enviado aos medios, BQ anuncia a chegada de VSmart ao noso país para o próximo 20 de febreiro, unha convocatoria na que chaman a descubrir “a sorpresa de Vietnam” e tamén adiantan que a chegada dos móbiles ao Estado español “é só o comezo”.

Polo de agora non sabemos que modelos van ser os que VSmart poña á venda no noso país, mais se botamos un ollo ao catálogo vietnamita da marca podemos pensar que serán estes dos que xa falamos hai unhas semanas. O próximo mércores sairemos de dúbidas.

Sobre o autor

Reply