VSmart chega ao noso país con catro modelos

Tal e como estaba anunciado, BQ anunciou esta mañá a chegada de VSmart ao noso país. A nova marca da compañía chega despois do acordo acadado con Vingroup, e supón un novo fito na historia do fabricante español, xa que por vez primeira ten o control de todo o proceso de fabricación dos seus dispositivos.

Desde hoxe VSmart comercializará catro modelos de smartphone (Joy 1, Joy 1+, Active 1 e Active 1+), todos eles con Android stock e orientados a públicos con diferentes necesidades. Dous deles (Joy 1 e Active 1) son, externamente, como os BQ Aquaris C e BQ Aquaris X2 Pro respectivamente, mais por dentro cambian lixeiramente a súa configuración. Vexámolos todos máis polo miúdo.

VSmart Joy 1

O Joy 1 é o modelo máis sinxelo dos catro. Leva un procesador Qualcomm Snapdragon 435 (8 x 1,4 GHz), xunto con 3 GB de RAM e 32 GB de memoria interna ampliábeis.

A pantalla é de 5,45 polgadas con resolución HD+ (1440 x 720 píxeles), a batería de 3000 mAh con carga rápida e as cámaras de 13 e 5 megapíxeles para traseira e frontal, respectivamente.

VSmart Joy+

Pola súa banda, o Joy 1+ é un modelo con pantalla de maior tamaño, concretamente 6,2 polgadas con resolución HD+ (1520 x 720 píxeles). O rendemento é semellante ao Joy 1, pois leva o Snapdragon 430 con 3 GB de RAM e 32 GB de interna. A batería sube até os 4000 mAh de capacidade, tamén con carga rápida.

No apartado fotográfico mellora moito a cámara frontal, onde integra unha cámara de 16 Mpx, mentres que na parte traseira súmaselle ao sensor de 13 Mpx un segundo sensor de 2 Mpx para o efecto bokeh.

VSmart Active 1

O Active 1 é un modelo bastante superior, con procesador Qualcomm Snapdragon 660 (8 x 2,2 GHz), 4 GB de RAM e 64 GB de memoria interna ampliábeis.

A súa pantalla é un panel FullHD de 5,65 polgadas (2160 x 1080p), e 650 nits de brillo, que tamén vén protexido por Gorilla Glass. No apartado fotográfico temos unha cámara principal dobre (12 + 5 Mpx) e unha frontal de 8 Mpx. A súa batería é de 3100 mAh.

VSmart Active 1+

Por último, o Active 1+ sube até as 6,2 polgadas FHD+ (2246 x 1080p), e aínda que leva o mesmo Snapdragon 660 que o Active 1, este vai acompañado de 6 GB de RAM e 64 GB de memoria interna.

A batería medra até os 3650 mAh de capacidade (con carga rápida) e a cámara traseira ve mudado o seu sensor secundario, que pasa a ser de 24 Mpx. Na frontal tamén temos cambios con respecto ao Active 1, ao integrar un sensor de 20 Mpx.

Dispoñibilidade e prezo

Todos os modelos chegan de forma inmediata ao noso país, podéndose mercar tanto na páxina web da nova marca como a través de establecementos físicos como Media Markt.

En canto aos prezos, son os que seguen:

  • Joy 1: 179,90 € (dispoñíbel en branco ou negro)
  • Joy 1+: 199,90 € (dispoñíbel en negro ou azul)
  • Active 1: 319,90 € (dispoñíbel en branco ou negro)
  • Active 1+: 349,90 € (dispoñíbel en branco, azul ou rosa dourado)

Que vos parecen?

Sobre o autor

Reply