Analizamos o Archos Hello 7, intelixencia artificial para o noso fogar

O fabricante de orixe francés Archos leva xa un tempo desenvolvendo todo tipo de funcionalidades de fogar intelixente e control de obxectos conectados, un segmento de negocio que está a experimentar certo crecemento nos últimos meses.

Mais para poñer orde a todos estes obxectos precisamos dispositivos que nos permitan controlalos, e o trebello que pasou pola nosa mesa de análises nas últimas dúas semanas vai un pouco nesa liña. Falamos do Archos Hello 7, unha mixtura de altofalante e tablet para o fogar. Vexámolo un pouco máis polo miúdo na nosa análise.

Deseño, acabado e conexións

O Archos Hello 7 integra unha pantalla de 7 polgadas (de aí o seu nome) e, a continuación, un altofalante. Leva un pé que permite o seu uso tanto en vertical como en horizontal, adaptándose a diferentes espazos, e as súas dimensións son de 250 x 114 mm. Ten un grosor que varía entre os 25,5 mm e os 73 mm na base, así como un peso de 642 gramos, algo irrelevante tendo en conta que se trata dun dispositivo destinado a estar nun sitio fixo.

Na parte superior temos catro botóns: o de acendido e apagado do dispositivo, o que acciona unha pequena lapela que agocha a cámara, os de control de volume e un activador / desactivador do micrófono. Na traseira está o punto de conexión coa rede, o microUSB para a transferencia de información e o espazo para a tarxeta microSD.

Nos acabados combínase o negro da pantalla e os seus marcos, co gris do altofalante e parte da base, o branco dos laterais e a madeira da parte traseira, resultando un dispositivo que se integra de xeito correcto en diferentes ambientes, clásicos e modernos.

Hardware e rendemento

No seu interior atopámonos cun procesador sinxelo de catro núcleos a 1,3 GHz, xunto con 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, que poderemos aumentar mediante tarxetas microSD de até 128 GB. Sen excesos, é un hardware mínimo para resolver as cuestións que esperamos deste dispositivo.

A conectividade vén dada por WiFi B/g/n e WiFi Direct, así como polo Bluetooth 4.0 LE. Tamén ofrece solución OTG para poder acceder a arquivos almacenados en discos externos ou pendrives.

Pantalla

Como xa avanzamos, a súa pantalla é de 7 polgadas. Trátase dun panel IPS con resolución 1280 x 800 píxeles, que nos resultaron suficientes para o seu uso.

Dela destacamos o ángulo de visión, de 86 grados, que nos permite ter unha visualización correcta dos contidos desde diferentes perspectivas, sen ter que achegarnos ao trebello para visualizar certas cousas.

Cámara

Dispón dunha cámara frontal destinada ao uso das videochamadas. Trátase dun sensor de 5 megapíxeles con focal de 60 graos que nos permite vídeo en 720 píxeles, unha calidade suficiente para videochamada.

Nas nosas probas puidemos evidenciar que se ben a cámara resulta sinxela para a fotografía, certamente ofrece unha experiencia en chamada de vídeo acorde ao agardado. Neste punto temos que sinalar que o ángulo que ofrece a base coloca o dispositivo nunha situación axeitada para este uso.

Software e casos de uso

Chegamos ao que quizais sexa o apartado máis importante desta review, na que nos preguntamos que podemos facer con este dispositivo.

O Archos Hello 7 está equipado con Android 8.1 Oreo, que nos abre a porta a Google Assistant e todas as súas posibilidades. Ao dispór dun micrófono e dunha pantalla, as respostas son máis completas que as que podemos conseguir, por exemplo, cun Google Home.

Deste modo, preguntando de viva voz o dispositivo amósanos calquera información básica (calendario, tráfico, previsión meteorolóxica…) ou nos permite xestionar pedidos, alarmas e temporizadores.

Pero obviamente, as súas posibilidades van máis aló, xestionando calquera obxecto conectado dentro do fogar, como control de luces, enchufes, calefacción, cámaras de seguridades, sensores, … e o que se nos poida ocorrer.

Para facilitar o control destes dispositivos, Archos integrou unha aplicación chamada Archos Connect, grazas á cal podemos configurar os dispositivos intelixentes, axustando os seus parámetros e definindo rutinas para a súa xestión. No noso caso fixemos o propio cun enchufe da mesma compañía, e a configuración foi rápida.

Batería

A súa batería é de 3000 mAh, se ben é certo que isto é algo que nos pareceu case que irrelevante, xa que polo tipo de dispositivo que é entendemos que está destinado a estar sempre conectado á corrente eléctrica.

En calquera caso, entendemos que é interesante que dispoña de batería para evitar o apagado do dispositivo se nos movemos dun cuarto a outro.

Conclusións

Cun prezo de 149,99 €, a Archos Hello 7 é unha ferramenta moi interesante para todas aquelas persoas que se queiran iniciar no control domótico das súas vivendas.

Que conte cunha pantalla pareceunos todo un acerto para moitos casos de uso, como as persoas que precisan “algo máis” ca un altofalante intelixente ou en ambientes como o da cociña, no que poderemos estar interesadas en ollar unha receita paso a paso no canto de recibila como ditado.

Sobre o autor

Reply