P30 Lite, Enjoy 9S e Enjoy 9E, os outros terminais de Huawei anunciados estes días

Como é lóxico, o lanzamento dos novos Huawei P30 e P30 Pro eclipsaron a presentación de terminais destinados a gamas inferiores, como a media e a de entrada. Falamos dos novos Huawei P30 Lite, Enjoy 9S e Enjoy 9E.

Huawei P30 Lite

O primeiro deles, o Huawei P30 Lite, será sen dúbida un modelo “supervendas”, que ao igual ca nas versións anteriores será un dispositivo inspirado nos “grandes” pero con características e prezo moito máis reducidos.

No seu interior integra un procesador de fabricación propia, o Kirin 710 (4 x 2,2 GHz e 4 x 1,7 GHz), acompañado de 6 GB de memoria RAM e 128 GB de memoria interna, ampliábeis por microSD.

A súa pantalla é un panel LCD IPS de 6,15 polgadas e resolución 2312 x 1080 píxeles, e no apartado fotográfico temos unha cámara frontal de 30 Mpx e unha traseira formada por tres sensores: 24 Mpx con f/1.8, gran angular de 8 Mpx e 2 Mpx para bokeh.

Leva USB tipo C, jack de auriculares e sensor de pegadas dixitais na parte traseira, aínda que non integra chip NFC. A súa batería é de 3340 mAh con carga rápida de 18W, e como sistema operativo levas Android 9 con EMUI 9.0.1.

Aínda que non hai información oficial ao respecto, semella que podería chegar ao mercado antes de maio por un prezo que se sitúa entre os 350 e os 450 euros.

Huawei Enjoy 9S

Por outra banda, a compañía anunciou dos modelos da serie “Enjoy”, unha gama económica e que quedaría por baixo do P30 Lite, nesa estratexia da compañía chinesa de inundar o mercado con opcións con apenas uns euros de diferenza entre elas.

O Enjoy 9S é o máis avanzado. Dispón dunha pantalla de 6,1 polgadas Full HD+ (formato 19,5:9), procesador Kirin 710, 4 GB de RAM, opcións de 64 e 128 GB de memoria interna ampliábeis.

A cámara traseira está formada por sensores de 24 + 16 + 2 megapíxeles (normal con f/1.8, gran angular e bokeh), e a frontal é de 8 Mpx. Leva microUSB, jack de audio e sensor de pegadas dixitais, e o seu prezo rondará os 200- 250 euros.

Huawei Enjoy 9E

Por último, o Enjoy 9E é un modelo máis básico, con pantalla de 6,1 polgadas HD+ e formato 19,5:9, procesador MediaTek Helio P35, 3 GB de RAM e 64 GB de almacenaxe interna ampliábel.

As cámaras son de 13 e 8 megapíxeles, para traseira e frontal respectivamente, e conta con conectores microUSB e jack de audio de 3.5 mm.

Segundo parece, está previsto que se poña á venda por arredor de 150 euros, un prezo bastante interesante para un modelo de 64 GB.

Sobre o autor

Reply