Vodafone lanza “super WiFi”, o seu servizo de WiFi Mesh

A operadora Vodafone anunciou onte o lanzamento dun servizo de conectividade intelixente que proporciona unha experiencia de usuario mellorada en todos os dispositivos conectados á rede de fibra da compañía. Trátase de Vodafone Super WiFi.

Este novo servizo ofrece unha solución WiFi máis avanzada, ao poder ampliar a cobertura en todas as estancias da casa mediante extensores intelixentes que crean unha rede mallada (mesh), que optimiza o sinal en cada unha delas. Todo isto faise dun xeito totalmente transparente para as usuarias.

A rede Super WiFi xestiónase desde a nube, o que implica cada extensor se conecta ao router creando unah rede intelixente dinámica que se axusta automaticamente para proporcionar a mellor conexión a cada tipo de dispositivo, de forma que aprende e se optimiza dacordo cos cambios externos. Así, por exemplo, realiza cambios de canle para proporcionar o sinal máis robusto e destecta interferencias electrónicas de outros dispositivos para tratar de evitalas.

O proceso de instalación deste servizo realízao o persoal técnico de Vodafone, e inclúe 2 extensores WiFi. Aquelas persoas que disfrutan de conexións de fibra con 1 Gbps non teñen que pagar nada a maiores, mentres que no resto de plans custa 6 euros ao mes. Adicionalmente, aquelas usuarias que teñan necesidades especiais e precisen de máis extensores poderán contratalos por 3 €/mes cada un.

Vodafone Super WiFi estará dispoñíbel a partir do 15 de abril e se pode contratar a través da aplicación Mi Vodafone, na web, chamando ao 123 ou en tendas Vodafone.

Sobre o autor

Reply