Movistar Plus Lite, o “Netflix” de Movistar que podes contratar sen ser cliente

Telefónica vén de anunciar esta semana de maneira oficial Movistar Plus Lite, o seu novo servizo OTT que dá acceso ás series orixinais de Movistar Plus, películas e deporte . Trátase dun servizo de streaming propio que pode contratar calquera usuaria, con independencia da compañía coa que teña contratado o servizo de Internet.

Por 8 euros ao mes, Movistar Plus Lite inclúe actualmente 252 series, 185 documentais, 412 películas e arredor de 60 programas de televisión. Ademais, tamén dá acceso ás canles da televisión de Movistar, como #0, #Vamos, Movistar Series, Seriesmanía, FOX, TNT, Comedy Central e AMC.

Dentro desa oferta atopámonos con contido de diversas produtoras e servizos de streaming. Así, poderemos acceder a Transparent (Amazon Series), House of Cards (Netflix), Xogo de Tronos (HBO), Homeland (ShowTime) e producións propias, como La Peste.

Por outra banda, tamén se inclúen dous partidos da NBA, dous da Liga Iberdrola, a Women’s Champions League, o mellor partido da Liga Endesa ou as 500 Millas de Indianápolis.

Como avanzamos, o servizo custará 8 euros ao mes e os seus contidos pódense disfrutar en dispositivos Android e iOS, así como en Amazon Fire Stick, Android TV ou a través do navegador. Ademais, leva asociada unha liña de móbil con Movistar gratuíta aínda que desactivada, que se queremos empregar debemos dar de alta nunha tenda Movistar.

Sobre o autor

Reply