Analizamos o LG V40 ThinQ

Tense convertido en norma que todos os fabricantes teñan dous terminais de chamada gama alta por cada ano natural, e LG non ía ser diferente. Polas nosas mans vén de pasar o último da serie “V”, o LG V40 ThinQ, un dispositivo completo e moi interesante. Vexámolo un pouco máis polo miúdo.

Deseño e acabados

Comecemos falando o seu deseño, onde LG leva tempo facendo un traballo bastante fino. Sen irse moito en dimensións (15.8 x 7.5 x 7.7 mm) nin en peso (168 gramos), estamos ante un teléfono grande, xa que leva unha pantalla de 6,4 polgadas con notch para albergar as cámaras frontal e de recoñecemento facial.

Os seus marcos son mínimos, e na parte lateral dereita temos o botón de acendido e desbloqueo, así como a bandexa das tarxetas (dobre SIM ou SIM + microSD). Do outro lado, na parte esquerda temos as teclas de volume e un botón adicado ao Google Assistant, unha aposta que están a facer varios fabricantes este ano.

O jack de audio sitúase na parte inferior do dispositivo, xunto co USB tipo C e un dos altofalantes, e na parte traseira temos o sistema de triple cámara (situadas nun array horizontal) e o lector de pegadas dixitais.

Non podíamos rematar este apartado sen poñer en valor a resitencia á auga e pó segundo o estándar IP68, o que protexe ao nosos dispositivo dos pequenos accidentes que podemos ter cos líquidos ou da sudoración ao facer deporte.

Hardware e rendemento

Tal e como cabería esperar dun dispositivo desta categoría, o LG V40 ThinQ está equipado cun hardware de altura. O seu procesador é o socorrido gama alta de Qualcomm do 2018, o Snapdragon 845, que destaca polo seu gran rendemento e baixo consumo enerxético. Está acompañado de 6 GB ed memoria RAM e 128 GB de almacenaxe interna, ampliábel mediante tarxetas microSD de até 2 TB.

Dispón de todas as opcións de conectividade que poderíamos agardar, como NFC, Bluetooth 5.0, WiFi de dobre banda e múltiples sistemas de xeoposicionamento.

Neste punto hai que dicir que o seu rendemento é excelente. A multitarefa xestiónase de forma fluída e move calquera tipo de aplicación sen retrasos nin subas de temperatura.

Pantalla

A pantalla é, con toda seguridade, un dos aspectos diferenciais do LG V40 ThinQ. Trátas dun panel OLED de fabricación propia de 6,4 polgadas, con formato 19.5:9 e resolución QHD+.

As cores que representa son moi vivas e, sobre todo, naturais. O brillo é máis que axeitado para disfrutar dos contidos en todo tipo de entornos luminosos, e os seus ángulos de visión tamén axudan a perfeccionar esa experiencia que, como dicimos, é superior.

Na súa publicidade LG está a vender o trebello como “unha televisión no móbil”, e razón non lle falta, xa que a experiencia que achega esta pantalla é espectacular. Sumado a isto temos o modo “caixa de resonancia”, que nos ofrece unha experiencia de son superior cando temos o trebello apoiado nunha mesa vendo, por exemplo, un capítulo da nosa serie favorita.

Cámara

Outro aspecto no que adoitamos fixarnos moito como usuarias á hora de comprar un teléfono é a cámara. LG apúntase á implantación da triple cámara traseira, combinación dun sensor de 16 megapíxeles con focal 1.9 e angular de 107 graos, outro de 12 megapíxeles con focal 1.5 e un terceiro de 12 megapíxeles para o zoom óptico 2x.

Do outro lado, na parte frontal temos unha óptica estándar de 8 megapíxeles (focal 1.9 e 80 graos) combinada cun sensor angular de 5 megapíxeles (f/2.2 e 90 graos) para sacar os autorretratos de grupo sen deixar a ninguén fóra.

Os resultados son, en ambos casos, de gran calidade, tanto en espazos con boa iluminación como á hora de retratar escenas de noite ou en interiores. Peca un pouco á hora de facer zoom, sobre todo comparándoo con terminais que fan deste apartado o seu sinal de identidade, mais na parte de realismo e cor figura por riba desa mesma competencia.

Pódese ver unha pequena selección de imaxes tomadas con este dispositivo nesta ligazón.

Software

En canto ao software, o trebello saíu ao mercado con Android 8.1 Oreo, algo curioso se temos en conta que, en xeral, os gamas alta póñense á venda coa última versión dispoñíbel de Android.

Fóra diso, LG segue coa estratexia de introducir a súa capa de personalización, mais sen que esta resulte cargante nin molesta con respecto a Android stock.

Batería

A batería sitúase nos 3.300 mAh de capacidade, con capacidade de carga rápida. Aínda que con ela conseguimos acabar o día sen maiores complicacións, atopámola un pouco xusta para un dispositivo de semellantes dimensións e que está moi orientado ao consumo de contidos multimedia. Non tería estado de máis tela subido até os 4000 mAh.

Conclusións

Concluído o noso período de proba, podemos concluír que o LG V40 forma parte dese “top 5” de terminais que podemos mercar nestas datas. Se tivéramos que destacar algo del por riba de todo tería que ser a súa pantalla, pero nos outros aspectos valorados (rendemento, deseño, cámara….) tamén aproba con nota.

O LG V40 ThinQ pódese mercar por uns 580 euros.

Sobre o autor

Reply