Analizamos o Samsung Galaxy S10+

Seguimos analizando algúns dos trebellos máis destacados dentro do panorama que podemos atopar no mercado actual, e se hai uns días falábamos do LG V40 ThinQ hoxe é a quenda do Samsung Galaxy S10+, actual buque insignia do fabricante surcoreano.

Antes de seguir, cómpre sinalar que Samsung preparou para esta décima edición da saga S un total de tres modelos: o Galaxy S10e, un tanto máis pequeno e con pantalla plana, o Galaxy S10, o terminal intermedio e a versión “plus”, que foi a que pasou polas nosas mans.

Deseño e acabados

Tal e como correspondía nese ciclo-non-estipulado de facer cambios significativos cada dous modelos da serie, Samsung introduciu varias novidades con respecto aos modelos anteriores no que ten a ver co deseño, que se ben non son excestivamente chamativas si que demostran unha certa evolución.

O máis destacado é o recorte frontal dos marcos, tanto na parte superior como na parte inferior do dispositivo, resultado de ter integrado a cámara frontal na pantalla con ese deseño Infinity-O.

A curvatura lateral, non tan latente nin funcional como en anteriores modelos da saga S, axuda á ergonomía, resultando un dispositivo cómodo na man par o seu uso. En canto aos materiais, mantense a aposta pola combinación do aluminio e o cristal, aínda que tamén existe unha versión cerámica.

No lateral dereito do terminal sitúase o botón de acendido, mentres que do outro lado, á esquerda, están os controis de volume e o botón de acceso directo a Bixby. Pola parte baixa temos o jack de audio e o USB tipo C, e na traseira a cámara triple, que sobresae un chisco da traseira do dispositivo.

Non hai presenza “física” do lector de pegadas dixitais, xa que este se sitúa por baixo da pantalla. Trátase dun lector por ultrasons, que mellora a funcionalidade cando se usa cos dedos mollados. Por certo, tamén é resistente á auga e pó segundo o estándar IP68.

Hardware e rendemento

Como era de agardar nun dispositivo da súa categoría, o Galaxy S10 Plus é un dispositivo de grandes prestacións. Comercialízase con dous procesadores diferentes, dependendo do mercado, sendo o Exynos 9820 o escollido para os modelos europeos. É de 8 núcleos, está fabricado en 8 nm e integra unha GPU Mali-G76 MP12.

Existen tres variantes dacordo á capacidade da RAM e da memoria interna: 8 + 128 GB, 8 + 512 GB e 12 + 1 TB. Todas elas poden ampliar esta capacidade interna con tarxetas microSD de até 512 GB, polo que no mellor do casos teremos 1,5 TB de capacidade total, unha auténtica pasada.

Leva todo tipo de opcións de conectividade, desde Bluetooth 5.0 a WiFi 6, que ofrece maior velocidade e estabilidade, así como NFC para facer pagos móbiles a través de Samsung Pay ou outra aplicación bancaria.

Como era de agardar, con estas cifras tivemos unha experiencia moi positiva á hora de manexar aplicacións de todo tipo: fluidez e constancia, sen que suframos un quecemento exaxerado, en boa medida grazas ao sistema de refrixeración Vapor Chamber Cooling.

Pantalla

A pantalla é un dos puntos fortes de Samsung, e no caso do Galaxy S10+ non defrauda. A compañía optou por un panel Dynamic AMOLED, compatíbel con HDR10+, o que supón un maior contraste das cores.

É de 6,4 polgadas, con formato 19:9 e resolución 1440 x 3040 píxeles (522 píxeles por polgada). Dispón de 1200 nits de brillo, o que fai que a visualización en exteriores sexa boa, con cores fieis á realidade da pantalla.

Para completar este apartado cómpre destacar que dipón de protección Corning Gorilla Glass 6 para os golpes, do sistema Always On para mostrar información coa pantalla “sempre acesa” e con varias opcións para controlar a luz azul, interesante para as usuarias que empregan os seus dipositivos en entornos con pouca luz.

Cámara

Nesa carreira na que parece que están a competir os diferentes fabricantes por ver quen lle pon máis cámaras aos seus dispositivos, Samsung aposta por un total de cinco sensores, tres na parte traseira e dous na cámara frontal.

A cámara traseira está formada por un sensor principal de 12 megapíxeles con apertura variábel (de f/1.5 a f/2.4), con opcións como 26mm, dual Píxel e, por suposto, estabilizador óptica OIS e PDAF. Xunto a el temos un telefoto de 12 megapíxeles con focal f/2.4 para o zoom x2 e, especialmente o empregalo no efecto bokeh. Finalmente temos un gran angular de 16 Mpx con apertura f/2.2 e 123 graos, que é a principal novidade a nível fotográfico.

Do outro lado, na parte frontal temos unha cámara dobre, formada por un sensor principal de 10 megapíxeles con focal f/1.9 (26 nm) con PDAF e Dual Pixel, mentres que o sensor secundario é de 8 Mpx con apertura f/2.2 e se emprega para mellorar o desenfoque.

A nível de resultados, temos unha cámara que se comporta ben en todo tipo de situacións, e temos que destacar especialmente o traballo feito por Samsung na fotografía nocturna, onde conseguimos uns resultados nítidos sen ter que empregar trípodes.

Se ben é certo que a nível de telefoto hai opcións máis interesantes, seguramente poucos lle poidan competir en cores, onde temos unha tonalidade viva e atractiva, tanto na cámara frontal como na traseira principal.

A integración do gran angular era unha necesidade a estas alturas da evolución fotográfica dos móbiles, xa que nos permite ter uns resultados moi superiores (aínda que algo deformados) que empregando o “modo panorámica”, que xa sabemos que non sempre empata ben o resultado final.

Por suposto, na cámara tamén atopamos os resultados da intelixencia artificial, algo que se aplica para o recoñemento de escenas. Neste punto, ademais de escoller os mellores parámetros dacordo ao que se sitúa por diante da cámara, tamén nos encontramos con que o móbil nos recomenda o mellor encuadre ou un pequeno xiro se imos sacar a foto co horizonte torto, pequenas axudas para conseguir a mellor fotografía con poucos esforzos.

Algúns exemplos nesta ligazón.

Software

No apartado software atopámonos coa estratexia habitual de Samsung de lanzar os seus terminais referenciais coa última versión dispoñíbel de Android – neste caso Android 9 Pie – e unha capa de personalización propia.

A gran novidade vén precisamente nesa capa, chamada One UI, que recibe un importante lavado de cara para resultar máis atractiva ás usuarias e facilitar o uso en xeral e, particularmente, ao usar o teléfono cunha soa man.

Outra parte importante a nível software é o sistema de intelixencia artificial, que aos poucos vai gañando importancia nos nosos dispositivos. Deste modo, o terminal aprende dos usos e vai optimizando tarefas segundo vamos empregando o teléfono, de cara a automatizar cousas e aprender dos nosos hábitos.

En canto a aplicacións preinstaladas, a continuidade do acordo con Microsoft fai que teñamos de novo incluídas as apps ofimáticas (Word, Excel ou OneDrive con 100 GB de almacenaxe na nube de agasallo), así como tamén as aplicacións propias de saúde ou xestión de wearables.

Tamén se conserva o cartafol seguro, un espazo totalmente independente que nos permite duplicar aplicacións en entornos totalmente separados (como se fosen terminais diferentes), algo interesante para, por exemplo, dividir a vida profesional e persoal nun mesmo dispositivo.

Por último, o Galaxy S10 Plus tamén inclúe o modo escritorio sen aparellos externos: basta con conectarlle unha pantalla ao USB C e teremos unha experiencia de escritorio; se o facemos cun multiconector / hub (tipo C con entradas HDMI, USB, ….) podemos multiplicar as posibilidades desta función.

Batería

Por fin podemos falar dun Galaxy S cunha batería con xeito. Certamente, polo xeral, o aspecto da batería non é o principal punto a favor de Samsung, mais desta vez temos un dispositivo que aguanta ben. Isto é grazas a unha pila de 4100 mAh, que ofrece unha autonomía de día e medio cun uso bastante intenso.

Por suposto, conta con carga rápida, e tamén co carga sen fíos. Neste punto hai que sinalar que admite tamén Reverse Wireless, que permite cargar outros dispositivos compatíbeis co estándar Qi sen cabos, aínda que o seu uso é máis ben anecdótico.

Conclusións

As espectativas xeradas co Galaxy S10 Plus, a versión que celebra o décimo aniversario dunha das gamas máis senlleiras de Samsung, eran moi altas, polo que nun momento no que hai tanta competencia pode que non fose un dispositivo que sorprendera en exceso, e moitas quedamos coa sensación de que esperábamos “algo máis”.

Con todo, o dispositivo é, con toda seguridade, unha das mellores opcións coas que nos podemos facer se buscamos un terminal de altas prestacións e que destaque en todo, desde o rendemento até a fotografía, pasando polo deseño e o senfín de posibilidades que se abren coas opcións orientadas á produtividade (cartafol seguro, modo escritorio…)

Os prezos varían moito dependendo de onde se merque e das versións, polo que recomendamos mirar ben antes de facerse con el e pensar que necesitamos realmente para non mercar unha versión “sobredimensionada” para as nosas necesidades.

Sobre o autor

Reply