K20 e K30, os dous novos modelos de LG para a gama entrada

A sucursal italiana de LG fixo públicos na súa páxina web dous novos modelos de smartphone pertencentes á serie K, a liña máis accesíbel dentro do portfolio do fabricante surcoreano. Trátase dos LG K20 e LG K30.

Dos dous modelos, o LG K20 é o trebello máis modesto, incluíndo no seu interior un procesador fabricado pro MediaTek, o MT6739, de catro núcleos, que está acompañado por 1 GB de memoria RAM. O seu irmán maior, o LG K30, aposta por un chip da norteamericana Qualcomm, o Snapdragon 425, un dos procesadores máis habituais dentro desta gama, desta vez acompañado por 2 GB de memoria RAM.

Outra das diferenzas entre ambos modelos témola nas pantallas, a pesarmos de que ambas teñen o mesmo tamaño de 5,45 polgadas. Mentres que no K20 o fabricante apostou por introducir un panel TFT FullVision con resolución 480 x 960 píxeles e ratio 18:9, no K30 súbese a resolución até os 1440 x 720 píxeles.

Se falamos das similitudes entre ambos modelos hai que comentar que ambos comparten 16 GB de memoria interna, que podemos ampliar mediante tarxetas microSD, e unha batería de 3000 mAh de capacidade, que con estas prestacións debería ser máis ca suficiente para aguantar todo o día. Ademais, ambos os dous dispoñen de tecla con acceso directo a Google Assistant.

No apartado fotográfico temos a mesma combinación de cámara frontal de 5 megapíxeles e traseira de 8 Megapíxeles con flash LED, iso si, colocadas en ubicacións diferentes.

Dispoñibilidade e prezo

A aparición destes dous modelos na páxina de LG Italia confirma tamén as cores nas que estes dous trebellos van estar dispoñíbeis: azul (Moroccan Blue) e negro (Aurora Black).

Así mesmo, tamén sabemos que o LG K20 vaise vender en Italia por 109,99 € e o LG K30 por 149,99 €. Se ben é certo que a súa chegada oficial ao noso país aínda non está confirmada, é de supór que teremos novas nos próximos días.

Sobre o autor

Reply