Fairphone 3, así é o novo teléfono de comercio xusto

En máis dunha ocasión falamos na nosa páxina sobre Fairphone, a fundación que fabrica teléfonos de comercio xusto, con cuxos responsábeis puidemos falar hai algún tempo no marco dun Mobile World Congress.

Mais, que quere dicir que un teléfono é de comercio xusto? O proceso de fabricación dun teléfono implica moitos condicionantes para asegurar que todo se fai como debera, desde saber de onde proceden os materiais para a súa montaxe até o control das condicións nas que traballan as persoas na cadea de montaxe.

Fairphone encárgase diso. Os seus dispositivos non son os máis innovadores, e seguramente tampouco os que nos aportan unhas características superiores a igual prezo. Porén, o que ofrece a compañía é a garantía de que todos os materiais necesarios para a súa fabricación proceden do comercio sostíbel e de fóra de zonas de conflito, mais tamén que todas as traballadoras implicadas teñen unhas condicións laborais dignas.

O modelo que acaban de lanzar é o Fairphone 3, un dispositivo que alberga unha pantalla IPS de 5,65 polgadas, con resolución FullHD+, protección Gorilla Glass 5 e relación de aspecto 18:9. No seu interior leva un procesador Qualcomm Snapdragon 632, xunto con 4 GB de memoria RAM e 64 GB de almacenaxe interna, que poderemos ampliar a través de tarxetas microSD.

No apartado fotográfico temos dous sensores únicos, un traseiro Sony IMX 363 de 12 Mpx con apertura f/1.8 e dual pixel PDAF, e outro frontal de 8 Mpx con apertura f/2.0.

En canto ao resto de características temos conectividade Bluetooth 5.0, wifi de dobre banda, NFC e dobre SIM 4G, catro sistemas de posicionamento (GPS, GLONASS, BeiDou e Galileo), porto USB-C 2.0, jack de auriculares 3.5 mm e protección IP54. A súa batería fica nos 3000 mAh de capacidade e o sistema operativo é Android 9 Pie.

O teléfono xa se pode mercar por 450 € a través da páxina web do proxecto, aínda que os envíos comezarán a finais de setembro. Na caixa non se inclúen nin o cargador nin auriculares, aínda que si un desparafusador, única ferramenta necesaria para reparar calquera cousa que se precise.

E é que esa é outra das cousas que fan diferente a Fairphone, xa que a compañía pon a disposición das usuarias diversos compoñentes como pantallas, módulos de cámara, baterías, alfotalantes… para facer as reparacións por un mesmo.

Máis información e compra | Fairphone

Sobre o autor

Reply