Os Pixel 4 e Pixel 4 XL ven a luz

Google celebrou esta semana o seu evento “made by Google“, unha cita na que a compañía do buscador deu a coñecer os seus novos modelos de smartphone “pure Google”. Falamos do Pixel 4 e Pixel 4 XL, dous teléfonos que xa foran filtrados practicamente na súa totalidade durante as últimas semanas.

Unha das principais novidades está no seu deseño, no que cabe destacar o seu módulo cadrado de cámaras, semellante ao que tamén traen os iPhone, e a nova pantalla OLED con frecuencia de refresco de 90 Hz.

O Pixel 4 vén cunha pantalla flexíbel OLED de 5,7 polgadas con resolución FHD+ (444 ppp), mentres que a versión XL sube até as 6,3 polgadas e tamén en resolución, con QHD+ (573 ppp). No interior ambos modelos traen o procesador Qualcomm Snapdragon 855, 6 GB de RAM e opcións de 64 / 128 GB de memoria interna, en ningún dos casos con microSD.

Ao contrario do acontecido en modelos anteriores, onde diferentes tamaños viñan con diferentes opcións de cámara, neste caso temos a mesma configuración, que inclúe unha cámara dobre traseira (12,2 Mpx con f/1.7 OIS + 16 Mpx con f/2.4 OIS) con flash dual e posibilidade de gravación de vídeo 4K a 30 fps e unha frontal de 8 Mpx con f/2.0 de 18 mm con sensor TOF 3D, vídeo FullHD e Wide Selfie, para que ninguén quede fóra nas imaxes de grupo.

Como é lóxico, ter diferentes tamaño de pantalla tamén implica ter diferentes capacidades de batería. No Pixel 4 apóstase por 2800 mAh de capacidade, que suben até os 3700 mAh no Pixel 4XL, en calquera dos casos con carga rápida de 18W e carga sen fíos. Ademais, os dous veñen con lector de pegadas dixitais en pantalla, WiFi 5, Bluetooth 5.0, NFC, USB C, Active Edge e protección IP67.

No apartado de software, como era de agardar, dispoñen de Android 10, a última versión do sistema operativo, que incorpora algunha característica extra que, polo de agora, só veremos en inglés, como a nova gravadora con transcrición en tempo real dos audios.

Dispoñibilidade e prezo

Os Pixel 4 e Pixel 4 XL chegarán ao mercado o próximo 24 de outubro, partindo dos 759 euros. En concrerto, comercializaranse no noso país polas seguintes cantidades:

  • Pixel 4 (64 GB): 759 euros
  • Pixel 4 (128 GB): 859 euros
  • Pixel 4 XL (64 GB): 899 euros
  • Pixel 4 XL (128 GB): 999 euros

Sobre o autor

Reply