R introduce varias novidades na súa “tv comigo”

Nos últimos tempos a meirande parte das novidades no sector das operadoras teñen que ver co lanzamento de tarifas cun maior número de datos móbiles ou tamén cos primeiros servizos sobre redes 5G. Porén, na cuarta pata do chamado “cuádruple play” temos a televisión, que se ben é algo que a moitas usuarias non lle interesa, existe un público que lle dá importancia e decide en función diso en que operadora estar.

Hoxe queremos falarvos de R. A compañía vén de anunciar novidades no servizo “tv comigo”, unha ferramenta pensada para que a súa clientela poida disfrutar da televisión en diferentes dispositivos, mesmo cando non están na casa.

A primeira das novidades é que, por fin, permite acceder ao servizo desde a conexión móbil. Durante moito tempo a compañía alegou que só permitía o uso desde conexións wifi para evitar “sorpresas” na factura, mais tendo en conta que na actualidade R ofrece alternativas de 10, 20, 50 e 100 GB este é un argumento que quedaba algo anticuado.

Por outra banda hai nova aplicación, permitindo disfrutar dos contidos en até 5 dispositivos diferentes (aínda que só en 2 de forma simultánea), que está dispoñíbel para Android e para iOS. Así mesmo, se se prefire entrar desde un portátil pódese acceder desde a web http://ott.mundo-r.com usando Chrome.

Ademais, tamén se aumenta o número de canles e se engade o servizo de gravación na nube, que permite seleccionar contidos a gravar para ver máis tarde. Se se dispón do deco 4K sincronízanse os datos co deco,

Como calquera bo servizo de televisión que se preste na nube, o novo servizo de R permite seguir vendo o que tivésemos empezado desde o punto onde o deixáramos, reproducir o seguinte episodio de forma automática e marcar favoritos.

Para rematar, a nova “tv comigo” de R activa a guía de programación e permite ver a televisión en directo ao tempo que se navega por outras canles en modo de pantalla dividida, un recurso moi interesante par non perder nada do que botan.

Sobre o autor

Reply