Primeiras imaxes do Samsung Galaxy S11 e S11e

Aínda falta tempo para coñecelo pero xa sabemos que vai ser un dos smartphones máis relevantes do próximo 2020. Falamos do Samsung Galaxy S11, o seguinte membro da serie S do fabricantes surcoreano que, con toda probabilidade, coñeceremos no primeiro trimestre do próximo ano.

Como vén sendo habitual nos últimos anos, as filtracións comezan a amosarnos o diseño do dispositivo, e nos últimos días puidemos ver dúas das variantes, o Galaxy S11 e a versión “mini”, o Galaxy S11e.

Galaxy S11

O Galaxy S11 tería un frontal moi parecido ao Note10, cunha pantalla Infinity-O, é dicir, cun burato para a cámara frontal. Porén, os cambios máis significativos estarían na parte traseira, cun novo “cadro” para albergar os diferentes sensores da cámara.

Tamén se confirmaría a desparición do porto jack de 3.5 mm, algo que tampouco debería sorprendernos moito, xa que os últimos gama alta da compañía xa non o traían. Ademais, no aspecto fotográfico fálase que podería chegar até os 108 Mpx.

Galaxy S11e

Outro dos modelos da serie que vén de ser filtrado é a versión “e”, coñecida por ser un pouco máis pequena e con algunha limitación hardware.

O máis destacado deste modelo sería a chegada da triple cámara e un novo deseño para un dispositivo con pantalla de 6,3 polgadas de diagonal.

Aínda é moi cedo

Con todo, como dicimos sempre cando falamos de rumores e primeiras filtracións: hai que tomar esta información con tino. Se ben é certo que chega desde un dos filtradores con mellores referencias e de máis prestixio, aínda queda moito para que chegue o día da presentación, e polo tanto poderíamos atoparnos con moitos cambios.

Sobre o autor

Reply