Samsung Galaxy A01, un básico con 128 GB

Sen avisos, e sen filtracións previas, Samsung deu a coñecer esta semana o novo Galaxy A01, un terminal básico que chega para suceder ao Galaxy A10, mais que conta con 128 GB de memoria interna, unha característica pouco habitual en dispositivos desta gama.

O novo modelo forma parte da estratexia que seguiu Samsung neste 2019, de ofrecer terminais atractivos a prezos máis axustados que en anos anteriores. No caso deste Galaxy A01 temos un teléfono fabricado en plástico e con pantalla Infinity-V, e que carece de lector de pegadas dixitais. Vexámolo máis polo miúdo.

A pantalla é un panel IPS Infinity-V de 5,7 polgadas con resolución HD+ e ratio 19,5:9. No seu interior temos un procesador de oito núcleos (catro a 1,95 GHz e catro a 1,45 GHz); xunto a el, 6 ou 8 GB de memoria RAM (dependendo da versión) e 128 GB de memoria interna, ampliábeis por microSD de até 512 GB. A súa batería sitúase nos 3000 mAh.

No apartado fotográfico Samsung apostou pola dobre cámara traseira, formada por un sensor principal de 13 Mpx con f/2.2 e un sensor de profundidade de 5 Mpx con f/2.4. Por diante temos unha cámara frontal de 5 Mpx con f/2.0.

Estará dispoñíbel en tres cores (azul, negro e vermello), mais de momento non se aclarou nin a data na que chegará nin tampouco o prezo ao que poderemos mercalo.

Sobre o autor

Reply