Huawei anuncia o novo básico Y6S

Huawei vén de comezar o ano anunciando o lanzamento dun novo dispositivo, o Huawei Y6s. Trátase dun modelo de gama entrada que destaca por incluír os servizos de Google, logo da ruptura entre a compañía chinesa e a multinacional estadounidense.

A razón de que o Huawei Y6s e non outros modelos da marca conten cos servizos de Google é que realmente este novo móbil é un terminal derivado do modelo do ano pasado, con lixeiros cambios que fan que, para Google, sexan o mesmo trebello.

O disposivio conta cunha pantalla de 6,1 polgadas con resolución 1520 x 720 píxeles, tecnoloxía LCD e relación de aspecto 19:9. No seu interior alberga un procesador MediaTek Helio A35, xunto con 3 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna ampliábeis a través de tarxetas microSD.

No apartado das cámaras temos un sensor único traseiro con resolución 13 Mpx e flash LED, mentres que na parte frontal contamos cunha cámara de 8 Mpx. Dispón de sensor de pegadas dixitais na parte traseira, desbloqueo facial, conector microUSB e dual SIM, e a súa batería fica nos 3000 mAh de capacidade.

Se estades pensando en facervos con el, debedes saber que o dispositivo vaise poñer á venda en breve por un prezo de 149 euros.

Sobre o autor

Reply