QuickShare: así será o “Airdrop” de Samsung

Unha das características que as usuarias de Apple adoran é “Airdrop”, unha funcionalidade dos dispositivos iOS que permite transferir rapidamente arquivos entre dispositivos da compañía norteamericana que estén preto.

Son moitas as persoas que botan de menos unha función semellante en Android, e aínda que Google está traballando nela desde hai moito tempo, son varios os fabricantes que están a traballar nas súas propias alternativas. Se hai algún tempo vimos que Oppo, Xiomi e Vivo unían forzas para crear a súa alternativa, hoxe sabemos que Samsung terá a súa propia, que chegará cos novos Galaxy S20 o 11 de febreiro.

Este novo servizo chamarase Quick Share e vén de ser descuberto por XDA Developers. Basicamente trátase dunha funcionalidade que ten que estar activa en ambos dispositivos Samsung para iniciar a transferencia.

Os seus límites serán de 2 GB por día, así como un tamaño máximo por arquivo de 1 GB, e segundo parece estarán temporalmente na nube de Samsung, o que viría a ser a principal diferenza co servizo que ofrece Apple.

Haberá que esperar á presentación dos novos Samsung Galaxy S20 e ver cales son as súas características finais e tamén os seus requerimentos.

Sobre o autor

Reply