O Mobile World Congress suma novas cancelacións debido ao coroavirus

Non hai un Mobile World Congress sen polémica, e se outros anos foron as reivindicacións de colectivos aproveitando o altofalante que supón un evento desa magnitude, desta vez é o coroavirus orixinado en Wuhan, China.

Nos últimos días foron sucedéndose as cancelacións, algunha de gran magnitude como LG ou Ericcson, e outras menos relevantes pero tamén significativas, como Nvidia, Amazon, Umidigi, Sony, NTT Docomo e Gigast.

Outras marcas dedcidiron renunciar a realizar eventos e presentacións, aínda que si manterán a súa presenza nos stand da feira. As máis destacadas son ZTE e TCL.

Marcas como HMD (Nokia), Intel, Microsoft, Realme e Xiaomi manteñen a súa axenda, incluídos eventos, de momento sen novidades, e outras importantes como Google, Huawei, Orange, Qualcomm, Samsung, Telefónica e Vodafone mantéñense atentas á evolución da situación, de momento sen confirmar a súa presenza ou ausencia.

A GSMA multiplica os controis

Pola súa banda, a GSMA explicou nun comunicado que multiplicará os controis para garantir a seguridade, con medidas como a prohibición de acceso ás visitantes da provincia chinesa de Hubai ou a obrigatoriedade de demostrar ás persoas que estiveron recentemente na China que levan máis de 14 días fóra.

Tamén se implementarán sistemas de monitorización da temperatura na feira, detectando aqueels visitantes que sufran febre, e se mellorará a limpeza.

Malia todo, e pase o que pase finalmente, este Mobile pasará a historia como o MWC marcado polo coroavirus, esperemos que finalmente sen consecuencias negativas para as persoas que o visiten. Iso se acaba por se manter…

Sobre o autor

Reply