Fíltranse imaxes do Samsung Galaxy A41

A serie Galaxy A de Samsung está a adquirir este ano o apelido “1”, de maneira que o sucesor do Galaxy A50 é o A51, e do A70 o A71. Da mesma maneira, o que chega para substituír ao Galaxy A40 é o Galaxy A41, un modelo cuxas imaxes foron filtradas, deixando ver algunha das súas características, e tamén amosando algunhas ausencias.

Destas imaxes cómpre destacar que na parte dianteira teremos unha cámara única con forma de pinga, e na traseira un modelo con triple sensor. Todo fai indicar que o principal será de 48 Mpx, e que estará acompañado de un gran angular e un terceiro que podería ser macro ou sensor de profundidade.

Desaparece o sensor de pegadas dixitais, e malia que a meirande parte dos modelos de Samsung xa contan con recoñecemento facial, todo apunta a que neste modelo teremos un sensor baixo a pantalla, debido á baixada dos custes deste formato.

Polo demais todo son datos contraditorios, polo que o mellor será agardar a que Samsung anuncie o trebello de maneira oficial, algo que de seguro non tarda moito en acontecer.

Sobre o autor

Reply