Vodafone e Movistar responden ao coronavirus con máis gigas e televisión de balde

O auxe do coronavirus no Estado español fixo mover ficha ás grandes operadoras. Así, tanto Vodafone como Movistar responderon á crise con sendos anuncios destinados a facilitar as cousas tanto ás persoas que poden ter dificultades para conciliar aló onde, por exemplo, suspenderon as aulas das pequenas da casa, como para todas aquelas persoas que poden optar polo teletraballo.

Movistar

Movistar anunciou nun comunicado o seu empeño para que as súas redes funcionen “a pleno rendemento, dun xeito fiábel, estábel e seguro”, ademais de ofrecer unha serie de beneficios á súa clientela.

Así, todas as usuarias de Movistar terán un incremento, sen custe adicional, de 30 GB de datos ao mes durante dous meses, e ademais mellora a oferta de entretemento, especialmente pensando nas pequenas da casa:

  • Aumento da oferta de entretemento, con máis contidos infantís e eventos deportivos, que serán accesíbeis gratuitamente durante un mes a través de Movistar+ Lite, para clientes e non clientes.
  • Para clientes de Fusión, será de balde a aplicación Movistar Junior, que dispón de contido especial para as pequenas da casa.

Por outra banda, tamén se reforzan os contidos educativos a través das súas plataformas de aprendizaxe online, como Scolartic – dirixido a docentes – e a Plataforma Conecta Empleo, con cursos de formación.

Ademais, tamén se facilita e potencia o teletraballo para a meirande parte das persoas empregadas pola compañía, que se suma a outras medidas previas, entre as que están as cancelacións de viaxes, a limitación de reunións presenciais e a mellora de medidas de hixiene.

Vodafone

Pola súa banda, Vodafone tamén respondeu á crise de xeito semellante, con medidas destinadas tanto ás súas traballadoras como ao resto de clientes.

No referente ás condicións laborais, ao igual que Movistar, Vodafone cancelou viaxes, limitou as reunións e eventos ao mínimo imprescindíbel e fomenta o teletraballo, logo dun ensaio levado a cabo con éxito hai unhas semanas cos seus máis de 2000 empregadas.

Pensando nas usuarias, Vodafone comprométese a asegurar as comunicacións e manter o nível de servizo, activando plans de continxencia para garantilos. Ademais, tamén se tomaron as seguintes decisións:

  • Todas as usuarias de Vodafone poderán acceder aos contidos do Pack Peques de regalo coa súa oferta de Vodafone TV, o que permite o acceso a canles infantís, como Disney Jr, Disney XD, Baby TV, Nickelodeon, Nick Jr e Canal Panda.
  • As clientas profesionais, autónomos, pequenas e medianas empresas disporán de datos ilimitados nas súas tarifas, para asegurar que se conta con capacidade abondo para poder desenvolver o traballo en mobilidade ou o teletraballo.

Nos seguintes días é probábel vexamos como outras operadoras apostan por solucións semellantes para traballadoras e usuarias, segundo vaiamos vendo como evoluciona a crise do coronavirus.

Sobre o autor

Reply