Analizamos o Samsung Galaxy S20

Samsung anunciou a súa familia Galaxy S20 a comezos de ano, unha serie que este ano chegou en tres versións: o Galaxy S20, o S20 Plus e o S20 Ultra, todos coa súa versión 5G, unha rede que polo de agora só está dispoñíbel no noso país para as usuarias de Vodafone.

Polas nosas mans vén de pasar o Samsung Galaxy S20, e aquí vos deixamos as nosas impresións.

Deseño e acabados

Sen renunciar a estética que se vén herdando dos últimos modelos da serie Galaxy S, o Galaxy S20 presenta diversas novidades de deseño, sobre todo na parte traseira, que temos un módulo adicado a albergar a triple cámara.

Ten unhas dimensións de 151,7 x 69,1 x 7,9 mm e pesa 163 gramos. A parte traseira está fabricada en cristal, o cal ten dúas cousas boas e dúas menos boas. As boas son que este acabado fai que resulte especialmente atractivo visualmente, e tamén ao tacto; e as menos boas que resulta especialmente esvaradío cando se usa sen funda e que tamén é un atraínte para as pegadas dixitais.

Os laterais do dispositivo resultan menos curvos que en modelos anteriores, e parece que esta vai ser unha tendencia en Samsung, xa que segundo apuntan os rumores o Note20 podería ter, cando menos, unha versión plana.

Este lateral está fabricado en metal, e alberga os controis de volume e acendido no lateral dereito, mentres que o espazo para a tarxeta SIM sitúase na parte superior e o conector USB-C parte inferior.

Hardware e rendemento

Como é de agardar nun dos modelos referenciais de Samsung, a familia Galaxy S20 vén equipada cun dos procesadores máis potentes que podemos atopar no mercado. Aínda que hai varias versións, no modelo europeo do S20 atopámonos co Exynos 990, un modelo de fabricación propia en 7 nanómetros e 64 bits, con oito núcleos a diferentes velocidades: 2,73 + 2,6 `2 GHz.

Acompañando a este procesador temos unha memoria RAM de 12 GB e tamén 128 GB de memoria interna, que se pode ampliar mediante tarxetas microSD de até 1 TB, a costa de renunciar a usar a dobre SIM.

Pero máis aló das cifras cómpre destacar as tecnoloxías das memorias, UFS 3.0 para a interna e LPDDR5 para a RAM, as máis rápidas e eficientes a nível enerxético, o que implica unha gran capacidade de resposta sen que isto implique un elevado consumo enerxético.

No apartado da seguridade e conectividade atopámonos con que dispón de lector de pegadas dixitais baixo a pantalla, e todo tipo de conexións, desde NFC para pagos móbiles a LTE Cat 20 até 20 Gbps, 5G SA/NSA e WiFi ac 4×4 MIMO.

En definitiva, a nível rendemento estamos ante un terminal que, sen ser numericamente o máis rápido que podemos atopar agora mesmo no mercado, move sen problema calquera tipo de aplicación ou xogo.

Pantalla

O Galaxy S20 está equipado cunha pantalla Dynamic AMOLED de 6,2 polgadas con resolución QHD+ e 563 píxeles por polgada. É compatíbel con HDR10+ e dispón de taxa de refresco de 120 Hz.

De maneira inicial, o dispositivo vén configurado con resolución Full HD+ e 60 Hz, aínda que podemos optar por baixala a HD+ ou subila a QuadHD+, neste caso asumindo perder a posibilidade de empregar a taxa de 120 Hz.

Non nos sorprendeu que a pantalla sexa espectacular. Así vén sendo en todos os modelos de gama alta de Samsung desde hai bastante tempo, tanto polos níveis de brillo como pola alta densidade de píxeles. É certo que en ocasións as cores poden resultar vivas de máis, aínda que esta é unha característica habitual dos paneis AMOLED, que tamén podemos configurar para facelos máis naturais.

Precisamente o poder personalizar as cores é un dos puntos interesantes deste modelo, xa que ademais das resolucións podemos axustar outros parámetros da pantalla para adaptala aos nosos gustos ou ao uso da pantalla que esteamos a facer nun determinado momento.

Como a meirande parte dos modelos de gama alta, a pantalla tamén dispón de Always On, unha característica na que Samsung foi pioneiro e que nos permite ver notificacións en repouso acendendo pequenas partes da pantalla e non na súa totalidade. Isto tamén pode ser personalizado ao gusto das usuarias, xa que canto máis tempo fique aceso máis consumo de batería fai, sen ser especialmente relevante. De maneira inicial, trae unha configuración mixta.

Cámara

O apartado da cámara é sen dúbida un dos que as usuarias adoitamos prestar máis atención, e esta edición da serie Galaxy S non ía ser menos. Na parte traseira do dispositivo, temos unha cámara triple, formada polos seguintes sensores: unha cámara principal de 12 megapíxeles con estabilizador óptico e apertura f/1.8; unha cámara secundaria de 64 megapíxeles con estabilizador óptico, apertura f/2.0 e zoom híbrido óptico de tres aumentos e unha cámara ultra gran angular de 12 megapíxeles con apertura f/2.2.

Do outro lado, na parte frontal do dispositivo temos unha cámara única, de 10 megapíxeles e apertura focal f/2.2. Dispón dun modo selfie panorámico ou ampliado, que nos permite precisamente ampliar o campo de visión para que ninguén quede fóra cando sacamos algunha imaxe.

Pola súa banda, a aplicación de cámara tamén se renova para simplificar o seu uso á hora de sacar unha foto rápida, mais cando se quere atopar algo máis concreto, como un modo especial, hai que facer bastantes desprazamentos para chegar a eles.

Ben é certo que, como dicimos, simplifícase o uso xenérico, e a combinación coa intelixencia artificial que se vén aplicando nos últimos modelos fai que o teléfono detecte automaticamente moitos dos modos para sacar a mellor foto en cada momento.

En canto ao vídeo, ademais do modo estándar, temos un modo de vídeo profesional, a cámara rápida, a lenta e a superlenta, cuxo uso adoita acabar sendo anecdótico, aínda que os seus resultados son moi bos.

Software

A nível software, o dispositivo chega con Android 10 e a personalización propia One UI, que como xa temos falado, non ten nada que ver coas personalizacións anteriores que ralentizaban os nosos produtos.

É certo que temos aplicacións de Samsung preinstaladas, mais moitas delas poden desactivarse e outras atoparémolas de utilidade para algunhas cuestións. Mais sen dúbida, o mellor que ten One UI é que permite personalizalo case todo, máis aló dos temas e packs de iconas.

Así, ademais de parámetros do móbil, podemos configurar como queremos empregar o móbil, se con botóns en pantalla ou mediante xestos (recomendamos esta última opción), que tipo de barra de busca nos interesa máis ou como e cando queremos que cambio do modo claro ao modo escuro.

Dispón de cartafol seguro, esa funcionalidade que nos permite ter unha “segunda vida” dentro dun cartafol, con aplicacións, galerías e cámara totalmente diferenciados, moi útil para separar e protexer o móbil persoal do entorno de traballo; un sistema de VPN gratuíto (aínda que limitado en datos mensuais, ampliábis mediante pago) para conectarnos de maneira segura a WiFis públicas, e unha ferramenta de mantemento, que analiza diferentes aspectos do móbil para telo sempre a punto.

Por suposto que Samsung segue a insistir con Bixby, o seu asistente persoal. Máis aló da parte de tradución ou recoñecemento de imaxes, que desde logo funciona moi ben, persoalmente sigo a preferir empregar Google Assistant para este cometido, aínda que isto é cuestión de gustos.

Batería

A súa batería é de 4000 mAh de capacidade, e dispón de carga rápida de 25 W e, por suposto, compatibilidade coa carga sen fíos. Ademais, como os últimos modelos de Samsung, dispón de carga sen fíos reversíbel, o que nos permite cargar co smartphone, por exemplo, os Galaxy Buds.

Aquí temos algo de sentimentos encontrados, porque a súa duración, e polo tanto a autonomía do dispositivo, dependerá moito da configuración que fagamos.

Tal e como vén configurado de serie atopámonos cunha autonomía bastante boa, que nos permite día e medio de uso mixto, é dicir, empregándoo para navegación, redes sociais, consumo de vídeo e toma de fotografías.

Se nos poñemos a 120 Hz a experiencia visual mellora, especialmente a nível transicións, mais isto implica unha perda de autonomía considerábel, facendo que cheguemos a duras penas a final do día sen ter que dar, cando menos, un chute de carga.

Conclusións

O Samsung Galaxy S20 é un modelo sobresaínte en moitos aspectos. Forma parte deses trebellos que, tendo en conta os tamaños aos que estamos acostumados hoxe en día, poderíamos considerar como “compacto”.

Resulta especialmente bo en deseño, cámara, e experiencia de pantalla, por riba de outros dispositivos da competencia na mesma gama. Ao cambio, o seu punto máis frouxo sería, como xa comentamos antes, o da autonomía, que podería ter sido algo mellor.

Pódese mercar por 909 euros, se escollemos o modelo 4G, ou 100 euros máis se optamos polo 5G. As cores dispoñíbeis son cosmic grey, cloud blue, cloud pink.

Sobre o autor

No Responses

Reply