Xiaomi anuncia seis novos produtos do seu escosistema

Xiaomi celebrou onte un evento no que principalmente anunciou novos dispositivos do seu ecosistema de produto. En concreto, a compañía chinesa presentou seis novos dispositivios conectados e tres novos modelos de smartphone de gama entrada.

Mi Smart Band 5

Unha das principais novidades do evento foi a presentación do novo modelo da popular pulseira cuantificadora da compañía, a Mi Smart Band 5. Este trebello vén equipado cunha pantalla AMOLED de 1,1 polgadas en alta resolución, na que non só se amosan as estatísticas en tempo real, senón que tamén se permite ás usuarias personalizar a pantalla con máis de 65 opcións de temas e módulos de funcións customizábeis.

O seu sensor resulta un 50% máis preciso que o seu predecesor, de maneira que é quen de monitorizar o ritmo cardíaco en até 11 tipos de exercicio diferentes, entre os que se inclúe o remo, o ioga, a bicicleta elíptica ou o salto á comba, entre outros. Ademais, ao dispór de certificación de resistencia á auga de 5 ATM, permite acompañar ás usuarias ás súas actividades acuáticas.

O novo cargador magnético permite cargar o dispositivo sen ter que sacar a pulseira, e cunha única carga completa soporta até 14 días de uso.

A nova Mi Smart Band 5 estará dispoñíbel a partir do próximo 23 de xullo por 39,99 € en mi.com, as Mi Stores, Amazon, Carrefour, El Corte Inglés, PC Componentes e Phone House. Ademais, o día 20 de xullo poderase adquirir a un prezo promocional de 34,99 euros.

Mi Electric Scooter Pro 2 e Mi Electric Scooter 1S

Deseñado para traxectos cortos, a Mi Electric Scooter Pro 2 pode acadar velocidades de 25 km/h e cubrir distancias de até 45 km cunha soa carga. O seu motor de 300 W é quen de ofrecer a potencia suficiente para subir pendentes de até o 20% sen esforzo.

Dispón dunha pantalla LCD que permite ás usuarias monitorizar en tempo real a velocidade, o modo de condución e o nível de batería, e está equipado con rodas neumáticas de 8,5 polgadas, para amortiguar as irregularidades do terreo.

Leva un sistema de dobre freo e reflectores dianteiros, traseiros e laterais, ademais dunha potente luz frontal de 2W que ilumina até 10 metros e incrementa a visibilidade.

Pola súa banda, a variante Mi Electric Scooter 1S acada velocidades de 25 jm/h e ten unha autonomía de 30 km por carga. O seu motor de 3250W permítelle subir pendentes do 14% en esforzos.

En canto a dispoñibilidades e prezos, ambas chegan o 28 de xullo por 549,99 e 449,99 € respectivamente, e poderanse mercar en mi.com, as Mi Stores, El Corte Inglés e Media Markt.

Mi True Wireless Earphones 2 Basic

Estes auriculares sen fíos ofrecen cinco horas de reprodución ininterrompida cunha única carga, e unha duración total da batería de 20 horas coas 3 cargas adicionais do seu estuche.

Dispoñen dun sistema de cancelación de ruído ambiental de dobre micrófono, de maneira que poden garantir unha nítida calidade de son tanto en chamadas telefónicas como en reprodución de música.

Póñense á venda por 39,99 €, e estarán á venda a partir do 31 de xullo en mi.com, Mi Stores, Carrefour, Media Markt e Phone House. Como oferta de lanzamento, desde o 27 ao 30 de xullo poderán adquirirse por 29,99 €.

Mi TV Stick e Mi Curved Gaming Monitor 34 polgadas

Por último, entre os produtos de ecosistema presentados onte por Xiaomi temos o seu primeiro TV Stick, que cun tamaño compacto ofrece streaming de vídeo e xogos a alta resolución 1080p. Está equipado con Android TV, e é compatíbel co son envolvente Dolby e DTS.

Dispón tamén acceso instantáneo a Google Assistant, Netflix e Prime Video grazas aos botóns incorporados no control remoto, e permite compartir contido desde smartphones e tablets grazas á función Chromecast incorporada.

Estará á venda por 39,99 € a partir do 25 de xullo, e se poderá mercar en mi.com, Mi Stores, Amazon, El Corte Inglés, FNAC, Media Markt e PC Componentes.

Por último, o Mi Curved Faming Monitor 34 é un monitor con pantalla WQHD 3440 x 1440 de resolución, e aporta unha gran calidade de detalle para unha experencia realista.

A súa pantalla ultra ancha, 21:9, aumenta a relación de aspecto nun 30% en comparación coas pantallas estándar 16:9, e a curvatura 1500R da pantalla contornea perfectamente o campo de visión humano para reducir a distorsión.

Dispón dunha taxa de refresco de 144 Hz, e ten unha taxa de resposta de 4 ms, o que reduce drasticamente os retrasos nas imaxes para unha experiencia de xogo fluída. Leva tamén unha ampla gama de cores do 121% sRGB, garantindo que os xogos e as interfaces se amosan nas súas cores verdadeiras.

Custará 499,99 € e estará dispoñíbel a partir do mes de setembro en mi.com, Mi Stores, Amazon e PC Componentes.

Sobre o autor

Reply