Analizamos a Samsung Galaxy Tab S6 Lite

Pola nosa mesa de análises vén de pasar unha tablet de gama media, a Samsung Galaxy Tab S6 Lite. Como reza o seu nome, trátase da versión descafeinada – no que a hardware se refire – do actual modelo de gama alta da compañía. Vexámola máis polo miúdo.

Deseño e acabados

Como acontece con todos os produtos que pasan polas nosas mans, o primeiro que chama a nosa atención desta tablet é o seu deseño, un trebello no que Samsung coidou o detalle e os acabados, apostando principalmente por empregar aluminio mate, ofrecendo un tacto agradábel no uso diario.

Chama a atención a súa delgadez e a súa lixeireza (467 gramos), e tamén na parte frontal o dispór duns marcos bastante contidos, pero o suficientemente grandes para que poidamos soster o aparello en vertical ou horizontal sen que os nosos dedos invadan a pantalla.

Na parte inferior do dispositivo atopámonos co conector de carga USB-C, e tamén un dos altofalantes, mentres que na superior temos o jack de audio 3.5 mm e tamén o outro altofalante. Os botóns de control de volume e acendido, así como a bandexa para a tarxeta SIM (no noso caso probamos un modelo con conectividade móbil) fican no lado dereito do trebello, quedando o lado esquerdo totalmente libre.

En definitiva, en tema de deseño a tablet resulta un modelo que destaca pola súa calidade e ofrecer unha boa experiencia dentro da gama media na que se enmarca.

Hardware e rendemento

A Samsung Galaxy Tab S6 Lite integra un procesador propio, o Samsung Exynos 9611, fabricado en 10 nm e cunha frecuencia de 2,4 GHz + 1,7 GHz). Trátase do mesmo procesador que tamén levan algúns smartphones de gama media da compañía, nomeadamente o Galaxy A51, un dos chamados a ser supervendas desta tempada.

Xunto a este procesador temos 4 GB de memoria RAM e opcións de 64 ou 128 GB de memoria interna, dependendo das versións.

A experiencia co procesador é boa para un uso medio, é dicir, para a realización de tarefas básicas coa tablet, como o uso de redes sociais, navegación ou visionado de vídeos. Porén, a experiencia de usuario pódese vese afectada cando se lle require máis potencia, como podería ser á hora de empregar a tablet para xogos, onde xa se aprecian lags que poden facerq que a experiencia non sexa 100% satisfactoria.

Pantalla

A pantalla, como xa avanzamos antes, aproveita moi ben o frontal do dispositivo, ocupando o 81,6% do frontal. Trátase dunha pantalla TFT de 10,4 polgadas con resolución de 1200 x 2000 píxeles (224 ppp) e un ratio 5:3.

En termos xerais ofrece unha boa experiencia, cuns níveis de brillo e cor suficientes – aínda que non personalizábeis como nos modelos de alta gama da marca – en uso de interiores. En exteriores, salvo usándoa baixo a iluminación directa do sol, onde xa presenta máis dificultades, tamén resulta útil.

Aínda que non puidemos probalo, porque o modelo que recibimos para analizar non traía S-Pen (pero si que vén de serie), permite a escritura coa pantalla apagada como nos Galaxy Note, e tamén se lle pode sacar todo o partido debuxando co lapis máis icónico de Samsung, capaz de destectar distintos níveis de presión para poder facer trazos ao gusto.

Cámara

As tablets non son para sacar fotos. Por iso Samsung non se complicou neste dispositivo incluíndo cámaras que destaquen na folla de especificacións. A principal é un sensor de 8 megapíxeles con apertura f/1.9, sen flash, mentres que a cámara dianteira é un modelo de 5 megapíxeles con apertura de f/2.0 e unha amplitude de 56,9 graos.

Como é evidente, con estas características os resultados son moi básicos. A cámara principal resolve cun aprobado raso en condicións de boa luminosidade, pero suspende se falta luz. Por contra, a cámara frontal resulta cunha calidade abonda para videochamadas, que é o uso máis habitual que se lle pode dar a este tipo de dispositivos.

Software

A nível de software, a tablet chega de serie con Android 10, así como a capa de personalización de Samsung One UI 2.1, que inclúe as aplicacións coas que se lle pode sacar todo o partido ao S-Pen, mais tamén o paquete Office, na liña dos últimos modelos de Samsung, xa que a compañía surcoreana dispón dun acordo de colaboración con Microsoft.

Máis aló das app para o S-Pen, da capa de Samsung cabe destacar a presenza do sistema Multi Window, que nos permite ver dúas aplicacións ao mesmo tempo, algo que nunha tablet se agradece para mellorar a produtividade.

Ademais, como todos os modelos de Samsung actuais, inclúe a súa propia tenda de aplicacións – a Galaxy Store – así como tamén o asistente virtual Bixby e o modo escuro en todas as apps que o soportan.

Batería

A batería é un dos puntos máis fortes deste modelo de Samsung. Trátase dunha batería de 7040 mAh de capacidade, que combinada coa pantalla e o procesador que integran ofrecen unha duración que pode chegar a varios días para un uso moderado (redes sociais, multimedia, navegación e consulta…).

A cousa cambia se optamos por usala para accións que requirar poñer o hardware a pleno rendemento, como pode ser o seu uso para xogos, onde vemos que a autonomía baixa considerabelmente.

Conclusións

Como adiantamos ao comezo da análise, a Samsung Galaxy Tab S6 Lite é un modelo de gama media bastante atractivo, tanto polo seu deseño equilibrado, como pola súa folla de especificacións.

Dela hai que destacar, ademais do deseño, o seu son e a presenza do S-Pen, co que poderemos tomar notas e sacarlle máis partido á tablet, aínda que temos que ter en conta a súa limitación en potencia se pensamos adicala a xogos que requiran un procesador que resonda rápido.

Poderíase dicir que é un modelo bastante equilibrado na gama media, e unha boa opción para quen busque un dispositivo destas características por baixo dos 400 euros.

Sobre o autor

Reply