Analizamos o Samsung Galaxy S20 Ultra

Logo de ter analizado o Samsung Galaxy S20 hai unhas semanas, hoxe é o turno do modelo superior da serie, o Galaxy S20 Ultra. Trátase dun dispositivo que medra en tamaño de pantalla, mais tamén en características, constituíndo un referente na liña de terminais da compañía surcoreana.

Deseño e acabados

Non cabe a menur dúbida que o primeiro que ao faremos ao botarlle a primeira visual ao Galaxy S20 Ultra é fixármonos no módulo reservado á cámara, un espazo que sobresae na parte posterior do dispositivo para albergar as catro cámaras que integra.

Está construído principalmente en cristal, un material que lle achega unha sensación de calidade extraordinaria, aínda que igual que acontecía co seu irmán pequeno, o Galaxy S20, resulta extremadament esvaraío ao deixalo sobre unha superficie, polo que resulta recomendábel empregalo con funda.

Os marcos metálicos integra a bandexa para a tarxeta SIM, na parte superior, e a botoneira física no lateral dereito. Ten unicamente tres botóns, os dous de volume e o de acendido / bloqueao de pantalla. Xa na parte inferior temos o único conector físico, o USB-C, xunto co altofalante principal. Na liña dos últimos terminais da compañía, carece de conector de audio jack.

O outro altofalante, para as chamadas, sitúase baixo a pantalla, aínda que conta cunha pequena fendidura no marco superior para a saída do son.

En definitiva, se falamos en termos de deseño temos un teléfono sobresaínte, tanto pola sensación en si como pola calidade dos materiais.

Hardware e rendemento

O Galaxy S20 Ultra vén co procesador propio Exynos 990, o mesmo que o S20, aínda que neste caso subindo até os 12 GB de memoria RAM. A versión básica vén con 128 GB de almacenaxe interna, ampliábeis mediante microSD de até 1 TB ocupando o espazo da segunda SIM. Quizais este é o punto máis feble, xa que cun terminal destas características partir de 128 GB pode ser un pouco escaso.

No que quixo apostar Samsung é pola calidade, ofrecendo unha das memorias máis rápidas, ademais das últimas versións de Bluetooth (5.0) e WiFi (6), e USB-C (3.2), e NFC para os pagos móbiles.

Con esta folla de especificacións o rendemento é previsíbel. O terminal é capaz de mover calquera xogo ou aplicación potente sen lags, e a taxa de escritura de memoria é rápida para favorecer a transmisión de arquivos, polo que nese sentido volve superar as probas scon sobresaínte.

Con todo, cómpre sinalar que esta potencia afecta ao consumo enerxético, como comentaremos máis adiante.

Pantalla

A pantalla do Galaxy S20 Ultra é un panel de 6,9 polgadas, con tecnoloxía Infinity O Dynamic AMOLED e resolución 3200 x 1440 píxeles.

Como xa apuntamos noutros modelos de Samsung recentes, a compañía decidiu ir suavizando a curvatura das súas pantallas até facer que sexa algo anecdótico e practicamente inaprezábel, a pesar de ter un cristal 2.5D que ensalza a feitura do dispositivo.

Dispón de taxa de refresco de 120 Hz e resolución QHD+, aínda que hai que ambas cousas hai que activalas manualmente, xa que de maneira predefinida ven con FHD+. iso si, non é posíbel empregar a a pantalla a 120 Hz e con QHD á vez, por unha cuestión de consumo excesivo de batería.

Como era de agardar nun dispositivo Samsung destas características, a calidade da pantalla é excelente e apenas ten competencia na súa gama, ofrecendo moi boa experiencia de usuario en calquera situación, tanto pola viveza das súas cores como polo brillo que permite.

Cámara

O apartado fotográfico é un dos principais elementos a ter en conta á hora de elixir un dispositivos por parte do público que aposta pola gama alta. Sendo consciente disto, Samsung fixo os deberes tanto na cámara frontal como na traseira.

No caso da cámara frontal temos un sensor inscrustado na pantalla (Infinity-O) de 40 megapíxeles con f/2.2 e gravación de vídeo en 4K, mais é na cámara traseira onde atopamos a meirande aposta da compañía.

O módulo traseiro integra unha cámara principal de 108 megapíxeles, con autoenfoque e estabilizador óptico f/1.9, un sensor gran angular de 12 megapíxeles con f/2.2, un telefoto de 48 megapíxeles con f/3.5, zoom híbrido 10 x e zoom dixital até 100 x e un sensor de profundidade. Ademais, é quen de gravar vídeo até 8K.

O seu comportamento é bastante bon en todas as situacións, aínda que aquí temos que falar do zoom. É certo que nos últimos tempos semalla haber unha carreira por ver quen ten o mellor zoom, mais o certo é que máis aló do x10, temos unha considerábel perda de calidade nas imaxes, polo que o seu uso pode servirnos para “ver” algo concreto que nos quede lonxe, pero desde logo non para gardar os nosos recordos.

Ver fotos.

Software

No tema do software non imos pararnos moito, ao fin ao cabo vén a ser practicamente o mesmo ca no S20.

Neste punto cabe destacar a posibilidade de personalizalo case todo, desde o tema das iconas e pantalla, aos modos escuro / claro ou a automatización de tarefas vencelladas ás configuracións.

Dispón dun modo mantemento para xestionar a saúde do noso dispositivo e tamén un modo de “saúde dixital” para axudarnos a controlar o uso que facemos do noso trebello.

Non falta Bixby, o asistente de Samsung, nin tampouco o Game Launcher para os xogos ou o set de aplicacións de Microsoft, con quen Samsung ten un acordo de colaboración.

Batería

A batería é un dos aspectos que nos sorprendeu neste modelo, mais non para ben. Malia contar cunha xenerosa batería de 5.000 mAh de capacidade, coa configuración estándar de pantalla (é dicir, con taxa de 60 Hz e resolución FHD+) temos unha autonomía real de menos de catro horas de pantalla, que se ve reducida se aumentamos as prestacións da pantalla á máxima resolución.

Dispón de carga sen fíos a 15W, e aínda que pro cable admite carga rápida até 45W, o cargador que vén na caixa é de 25W, que se ben está bastante ben, non consegue sacarlle todo o partido ao terminal.

Conclusións

É o Samsung Galaxy S20 Ultra un móbil doado de recomendar? A resposta é que si, é un terminal que vai resolver as esixencias das usuarias que máis lle esixen aos seus dispositivos, cun procesador que cumpre e 12 GB de memoria RAM que axudan a que todo vaia fluído.

O deseño – ao fin e ao cabo o primeiro que nos entra polos ollos – tamén axuda, xa que se trata dun terminal fermoso e ben acabado, e a experiencia de pantalla e son tamén é digna de resaltar.

Os únicos “peros” serían oas 128 GB de base, para nós insuficientes para un dispositivo desta gama hoxe en día, e a batería, que a pesar do seu gran tamaño non acabou de cumprir coas nosas espectativas, xa que esperabamos máis.

En calquera caso, sería un móbil a recomendar para aquelas usuarias esixentes que buscan un bo deseño, bo rendemento, boa pantalla e boas fotos non único modelo. Pódese mercar en varias cores por algo menos de 1000 euros.

Sobre o autor

Reply