Samsung anuncia o Galaxy Z Flip 5G

Samsung anunciou onte o Samsung Galaxy Z Flip 5G, un dispositivo que combina a versatilidade dun trebello pregábel coa conectividade ás redes de nova xeración 5G, aumentando así o número de dispositivos compatíbeis con esta nova tecnoloxía.

O dispositivo engade a conectividade 5G sen que isto implique engadir volume, consolidando un dos smartphones pregábeis 5G máis compactos dos que existen actualmente. Así mesmo, as usuarias poderán escoller entre dúas das novas cores que Samsung preparou este ano, Mystic Grey e Mystic Bronze.

O Galaxy Z Flip 5G leva unha pantalla de 6,7 polgadas FHD+ Dynamic AMOLED, con formato 21.9:9 , na parte interior, mentres que cando está pechado ten unha pantalla externa de 1,1 polgadas Super AMOLED.

No interior atopámonos co procesador Qualcomm Snapdragon 865 Plus 5G, xunto con 8 GB de memoria RAM e 256 GB de almacenaxe interna. A cámara frontal é un sensor de 10 megapíxeles con f/2.4, mentres que a principal está formada por un sensor principal de 12 megapíxeles acompañado de un sensor secundario, tamén de 12 Mpx, gran angular.

Dispón dunha batería de 3.300 mAh de capacidade, con carga rápida e tamén compatíbel cos estándares de carga sen fíos, e nas opcións de conectividade destacan, ademais do 5G, a presenza de NFC para pagos móbiles, WiFi MIMO, e sensor de pegadas dixitais situado no lateral.

O novo Samsung Galaxy Z Flip 5G xa se pode mercar no noso país por 1550 euros.

Sobre o autor

Reply