HTC volve ao noso país co novo HTC Desire 20 Pro

HTC xogou un papel fundamental nas orixes de Android, especialmente co HTC Dream e co Google Nexus One. Porén, o non saber adaptarse aos tempos fixo que aos poucos o fabricante taiwanés fose perdendo popularidade fronte marcas como Samsung, Huawei ou Xiaomi, entre outras.

Logo de ter abandonado o noso país por un tante, HTC está de regreso, e vén de anunciar de maneira oficial o lanzamento do HTC Desire 20 Pro, terminal que foi anunciado no pasado mes de xuño.

O HTC Desire 20 Pro é un modelo de gama media, no que se aposta por un deseño clásico da fabricante, iso si, adaptado aos tempos actuais. No seu interior alberga un procesador Qualcomm Snapdragon 665, con 6 GB de memoria RAM e 128 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD.

A pantalla é un panel IPS de 6,5 polgadas, con resolución FHD+ (2400 x 1080 píxeles) e relación de aspecto 19.5:9, mentres que a súa batería ten 5.000 mAh de capacidade, con soporte a Quick Charge 3.0. Vén de serie con Android 10 como sistema operativo.

No apartado fotográfico destaca a cámara traseira, composta por unha combinación de catro sensores. O principal é de 48 Mpx, mais vén acompañado dun gran angular de 8 Mpx, un sensor macro de 2 Mpx e un sensor de profundidade de 2 Mpx. Do outro lado, na parte dianteira temos unha cámara frontal de 25 Mpx incrustada na pantalla.

Non lle faltan jack de auriculares, NFC para poder facer pagos móbiles, Bluetooth 5.0 ou sensor de pegadas dixitais, situado na parte traseira, o que fai que sexa un terminal de gama media bastante completo.

Dispoñibilidade e prezo

O novo HTC Desire 20 Pro pódese mercar a través da web oficial de HTC, por un prezo de 279 euros. Unicamente está dispoñíbel en cor negra.

Sobre o autor

Reply