Novos Vivo iQOO 5 e iQOO 5 Pro, con pantallas de 120 Hz e especialmente pensados para gamers

O fabricante chinés Vivo vén de presentar dous novos terminais que se enmarcan dentro da serie iQOO, unha liña de traballo especialmente orientada ao mundo gaming. Trátase dos novos Vivo iQOO 5 e iQ00 5 Pro.

Ambos modelos chegan con procesadores Qualcomm Snapdragon 865 e pantallas AMOLED de 6,56 polgadas con resolución Full HD+, HDR10+ e unha taxa de refresco de 120 Hz. Comparten tamén conectividades, como o WiFi 6, ou a presenza do lector de pegadas dixitais baixo a pantalla e altofalantes estéreo.

As diferenzas entre ambos modelos son poucas, aínda que si significativas, especialmente na fotografía e, sobre todo, na batería. Neste último punto, o modelo base conta cunha batería de 4.500 mAh e carga rápida de 55 W, mentres que o Pro dispón de 4.000 mAh, pero vén equipado con carga rápida a 120 W, que permite cargar por completo o dispositivo en tan só 15 minutos.

No apartado fotográfico, ambos comparten a cámara frontal de 16 megapíxeles con f/2.45. Na parte traseira, dispoñen dunha cámara triple, formada en ambos casos por un sensor de 50 Mpx con f/1.85, un gran angular de 13 Mpx con f/2.2 e marcando a diferenza no terceiro sensor. Así, o iQOO5 leva un sensor de 13 Mpx con f/2.46 retrato, mentres que o modelo Pro aposta por un de 8 Mpx con f/3.4 telefono.

En ambos modelos podemos elixir a RAM, con opcións de 8 e 12 GB, mentres que a memoria interna pode ser de 128 ou 256 GB no modelo base, e unicamente de 256 GB no caso do modelo Pro.

Dispoñibilidade e prezo.

O Vivo iQOO 5 está dispoñíbel en azul e gris, mentres que o Vivo iQOO 5 Pro está inspirado en BMW, con dúas versións (“pista de carreiras” e “cor lexendaria”) con franxas de cor.

Os prezos, cambiados a euros, son os seguintes:

  • iQOO 5 (8+ 128 GB): uns 490 €
  • iQOO 5 (12 + 128 GB): uns 425 €
  • iQOO 5 (8 + 256 GB): uns 560 €
  • iQOO 5 Pro (8 + 256 GB): uns 610 €
  • iQOO 5 Pro (12 + 256 GB): uns 670 €

Polo de agora non hai información sobre a súa posíbel comercialización de maneira oficial no noso país.

Sobre o autor

Reply