Movistar acende o 5G e Yoigo e Orange farano ao longo deste mes

A carreira pola chegada do 5G ao Estado español comeza a poñerse interesante. Logo de que Vodafone tivese liderado en solitario durante un ano o acceso a este tecnoloxía, os outros tres grandes operadores (Telefónica, Orange e Yoigo) aceleran o lanzamento das súas opcións neste comezo de curso.

Telefónica (Movistar) anunciou onte o acendido da súa rede 5G, co obxectivo marcado de garantir que o 75 % da poboación teña acceso a esta nova tecnoloxía antes de que remate o 2020. En concreto, a nova rede 5G de Movistar chegará a todas as cidades de máis de 50.000 habitantes, á meirande parte das de máis de 30.000, a un 50% das de 20.000 e a algunhas de 10.000 habitantes.

Para facelo posíbel, Movistar aposta polas últimas xeracións radio que permiten o dobre uso 4G e 5G para poder levar o 5G rapidamente a un número maior de usuarias. Na primeira fase deste despregamento, a rede 5G lánzase grazas á combinación do despregamento de 5G NSA (Non Stand Alone) e DSS (Dynamic Spectrum Sharing), para logo despregar a rede 5G SA (Stand Alone), cando esta última estea completamente especificada.

Os emprazamentos empregados para este despregamento inicial serán os mesmos que os actuais, e usará as bandas de 3.5 GHz (única banda 5G licenzada), e as de 1800 – 2100 MHz, onde o sistema NR (New Radio) permite funcionar con tecnoloxías 4G e 5G á vez.

Yoigo

Pola súa banda, Yoigo márcase como “primeira tarefa do curso” lanzar un piloto de 5G que comezará en cuestión “de días”, pero sen ofrecer polo de agora unha data exacta.

Polo de agora a operadora, propiedade do Grupo Másmóvil (onde tamén se inclúen marcas como Pepephone) confirmou que non subirá o prezo das tarifas cando se dispoña de 5G, e que chegará a cidades como Madrid, Barcelona, Sevilla, Valencia, Málaga ou Logroño, sen especificar se o fará noutras cidades de maneira inminente.

Orange

Por último, hai un mes Orange, durante a presentación dos resultados financieros, adiantou que lanzará a súa rede 5G antes de rematar o ano, en cando menos cinco cidades de maneira inicial. Segundo apuntan fontes de Expansión, será o día 7 de setembro, coa garantía de que estarán nesa lista de cidades Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla e Málaga.

Inicialmente a compañía amosara a súa intención de agardar ao 5G SA para lanzar a súa proposta comercial, pero co obxectivo de non quedar atrás nesa carreira semella que finalmente non esperarán e traballarán con 5G NSA.

Outro aspecto importante é que Orange tamén confirmou que compartirá a súa rede co Grupo MásMóvil, é dicir, con Yoigo, MásMóvil e Pepephone, o que tamén será un punto a favor deste grupo, que se beneficiará dos seus despregamentos propios e os que faga Orange aló onde non chegan coa súa propia rede.

Sobre o autor

No Responses

Reply