O catálogo de Oppo segue medrando coa chegada do F17 e F17 Pro

O fabricante chinés Oppo segue a ampliar o seu portfolio de dispositivos co lanzamento de dous novos modelos dentro do segmento de gama media. Son os novos Oppo F17 e F17 Pro, dous dispositivos que veñen de ser presentados na India, pero que de seguro en breve teremos dispoñíbeis en máis mercados.

O Oppo F17 Pro incorpora unha pantalla de 6,43 polgadas. Trátase dun panel Super AMOLED con resolución Full HD+ (2400 x 1080 píxeles), e no seu interior alberga un procesador MediaTek Helio G95, con 8 GB de RAM e 128 GB de memoria interna, o que fai que sexa un trebello bastante compensado.

No apartado fotográfico atopámonos cun total de seis cámaras, catro na parte traseira (principal de 48 Mpx con f/1.7; gran angular de 8 Mpx con f/2.2; macro de 2 Mpx con f/2.4; monocrono de 2 Mpx con f/2.4), e dúas na parte de diante (principal de 16 Mpx con f/2.4; retrato de 2 Mpx con f/2.4).

A súa batería é de 4015 mAh de capacidade, con carga rápida de 30 W. Vén con Android 10 personalizado con Color OS 7.2, e trae conectividade Bluetooth 5.0, USB-C, lector de pegadas baixo a pantalla e jack de auriculares.

Pola súa banda, o Oppo F17 é un modelo moi semellante, que conta coa mesma pantalla e combinación de memorias, aínda que leva un procesador Qualcomm Snapdragon 662.

Hai cambios tamén nas cámaras: na parte traseira leva a mesma combinación de catro sensores, aínda que o principal é de 16 Mpx, en vez dos 48 Mpx do modelo Pro. No caso da cámara traseira, pérdese o segundo sensor retrato, pero o principal é o mesmo que leva o modelo máis avanzado.

Dispoñibilidade e prezo

Na India, onde foron presentados o Oppo F17 Pro xa se pode reservar, aínda que se porá á venda o próximo día 7 de setembro, por un prezo ao cambio duns 270 euros. Estará dispoñíbel en Magic Blue, Matte Black e Metallic White.

Do outro modelo, o Oppo F17, aínda non se sabe prezo nin data de dispoñibilidade, aínda que si que chegará en tons grises, laraxas e azuis.

Sobre o autor

Reply