Android 11 é oficial. Estas son as súas principais novidades

Logo de varios meses con versións “beta”, Google fixo oficial onte Android 11, a última versión do sistema operativo, que como xa aconteceu coa versión anterior chega sen o “apelido” en forma de sobremesa doce.

Ao termos un sistema de beta pública, moitas das novidades que inclúe esta nova versión do sistema operativo xa as coñecemos desde hai tempo, mais aproveitaremos o lanzamento oficial para recoller aquelas características máis destacadas e novidosas.

  • Máis 5G. A chegada do 5G a cada vez máis dispositivos, e tamén con máis operadores implicados, fixo que Google implementase melloras para sacarlle todo o partido a estas conexións a través do software.
  • Pantallas pregábeis. Na mesma liña, aproveitando o auxe de dispositivos pregábeis, mellórase o soporte para este tipo de trebellos.
  • Burbullas de conversación. En Google entenderon que un sistema de conversa flotante (semellante ao que leva usando un tempo Facebook Messenger) é mellor para a produtividade, polo que se incorpora de maneira nativa para todo tipo de aplicacións de chat (mensaxes, Telegram, …)
  • Historial de notificacións. Cada aplicación contará co seu historial de notificacións, por se descartamos algunha antes de tempo e queremos recuperala.
  • Notificacións por prioridade. Permítenos seleccionar contactos importantes para recibir notificacións personalizadas, e mesmo saltarse o modo “non molestar”.
  • Notificacións agrupadas. Melloras na visualización de múltiples notificacións dunha mesma app.
  • Domótica. Até o de agora, mantendo prendido o botón de acendido accedíase aos pagos móbiles, pero na nova versión tamén se pode ter o control da domótica na nosa casa.
  • Restablecemento de permisos automáticos. Hai moito que non usamos unha app? O noso dispositivo eliminaralle os permisos para mellorar a nosa privacidade.
  • Almacenaxe específica. É unha nova característica obrigatoria, e implica que as aplicacións con permiso de almacenaxe só poderán acceder aos ficheiros necesarios para funcionar (agás nos administradores de ficheiros por razóns evidentes).
  • Permisos de “un só uso”. Poderemos dar acceso á cámara ou ao micrófono para un momento específico, eliminándoselle de forma automática ao rematar a operación.
  • Android Auto. Mellora tamén o sistema de condución, con acceso ao modo sen fíos en todos os vehículos que o permitan.

No seguinte vídeo poden verse algunhas destas novas características en funcionamento

Dispoñibilidade de Android 11

Android 11 xa está dispoñíbel para os novos Google Pixel, e a actualización irá chegando aos poucos, comezando por aquelas persoas apuntadas ao programa beta.

A continuación serán os modelos de outras marcas como os seguintes:

  • Samsung: Galaxy S20, S20+, S20 Ultra.
  • Xiaomi: Mi 10, Mi 10 Pro, Mi Note 10, Poco F2 Pro, Redmi K30 Pro.
  • OnePlus: OnePlus 8 e 8 Pro.
  • Asus: Zenfone 6.
  • realme: X50 Pro.
  • Huawei: P40, P40 Pro, P40 Pro+, Mate 30 4G, Mate 30 Pro 4G, Mate 30 5G, Mate 30 Pro 5G, Mate 30 RS Porsche Design, MatePad Pro, MatePad Pro 5G.
  • Oppo. Find X2, Find X2 Pro, Reno 3 4G, Reno 3 Pro 4G

Quere dicir isto que non chegará a novos dispositivos? Non. De feito, marcas como Samsung ou Xiaomi anunciaron xa hai algún tempo as listaxes de modelos que actualizarán, mais farano nunha segunda fase, xa que nesta primeira inclúense só os que participaban das betas.

Máis información | Android 11

Sobre o autor

Reply