Amazon presenta novos dispositivos e servizos

Amazon celebrou na tarde de onte un evento no que presentou a súa nova gama de produtos e dispositivos, un evento no que puidemos ver como a compañía traballa nun ecosistema cada vez máis completo, tanto no hardware como no software.

Nova xeración de Echo.

Presentouse a nova xeración de Echo, que conta cun novo e máis coidado deseño esférico, que nos lembra ao Nexus Q anunciado por Google no 2012. Pero máis aló da parte estética, o novo Echo conta con mellor son grazas a un woofer de 3.0 polgadas, dous tweeters e un procesado Dolby que nos ofrece son estéreo con agudos máis claros, medios dinámicos e graves profundos. O dispositivo detecta automaticamente a acústica do espazo no que se instala para axustar a reprodución de audio.

O Echo Dot, o máis vendido, mellora con ese novo deseño e a mellora no son, e está dispoñíbel en atracita, branco e azul grisáceo. Pola súa banda, o Echo Dot con reloxo tamén incorpora as mesmas melloras que o Dot, pero ademais dispón dun indicador LED no que se pode ver a hora, a temperatura, os temporizadores e as alarmas; chega en branco e azul grisáceo.

Por último, o novo Echo Show 10 é unha reinterpretación de Alexa con pantalla, e dispón dunha pantalla HD de 10 polgadas adaptativa que se move coas usuarias, así como audio de alta calidade, controlador Zigbee e unha cámara de 13 megapíxeles con gran angular para permitir videochamadas.

En canto a prezos, o novo Echo custará 59,99 €, o Echo Dot con reloxo 69,99 € e o Echo Show 249,99 €.

Novos Fire TV Stick e Fire TV Stick Lite

Os novos Fire TV Stick son un 50% máis potentes que a anterior xeración, para unha maior velocidade de reprodución en Full HD, e compatíbeis con HDR.

O Fire TV Stick é compatíbel con Dolby Atmos para proporcionar son envolvente e leva mando por voz Alexa con botóns específicos de acendido e volume para controlar televisores e barras de son. Pola súa banda, o modelo Lite é máis asequíbel e inclúe mando por voz Alexa Lite, que permite usar a voz para atopar e reproducir contido.

A actualización da experiencia de usuario de Fire TV tamén se viu redeseñada para que sexa máis intuitiva, simple e personalizada. O menú principal agora atópase no centro da pantalla e permite atopar de maneira máis doada o que se está a buscar. Permítese saltar directamente ao servizo de streaming que se queira ou desprazarse polas aplicacións compatíbeis para ver rapidamente o que teñen que ofrecer e comezar a reprodución.

Tamén se permite crear até 6 perfís de usuario diferentes para recibir recomendacións personalizadas, facer listas de reprodución, ver o historial de visualización e máis.

O modelo estándar custa 39,99 €, mentres que a versión Lite pódese adquirir por 29,99 €.

Ring Always Home Cam

Por outra banda, Amazon tamén presentou un novo dispositivo para a seguridade do fogar baixao a marca Ring. Trátase do Ring Always Home Cam.

Este trebello é un drone que pode voar de forma autónoma gravando o que ve no seu percorrido pola casa, de modo que non estaremos limitadas a visualizar un único habitáculo, como ocorre coas cámaras de vixilancia tradicionais.

Está previsto que este dispositivo chegue, inicialmente ao mercado estadounidense, a partir do ano que vén por uns 250 euros.

Amazon Luna

Por último, Amazon anunciou onte Amazon Luna, o seu servizo de streaming de videoxogos, cunha cota mensual inicial de 5,99 dólares, pensando en competir con Google Stadia e NVIDIA GeForce Now.

As usuarias poden acceder desde calquera plataforma, incluíndo Fire TV, PC, Mac, iPhone / iPad como webapp e proximamente desde Android.

Dispón de mando propio, o Luna Controller, que curiosamente non se conecta ao dispositivo desde o que xogamos, senón directamente á nube para reducir a latencia, permitindo tamén un salto rápido entre dispositivos se por exemplo iniciamos unha partida no Fire TV e queremos seguila no móbil. Custará 49,99 dólares.

O acceso a xogos será mediante un modelo de canles, habendo un básico chamado Luna+, e logo outros de estudos ou empresas de videoxogos, como o que deixaron ver onte de Ubisoft.

Como requirimentos técnicos, precísase unha conexión de mínimo 10 Mbps, ou 35 Mbps se queremos xogar en 4K.

Sobre o autor

Reply