Este sería o deseño dos Samsung Galaxy S21 e S21 Ultra segundo unha filtración

Enfilando a recta final do ano son moitas as que comezan a poñer a mirada no que está por vir, nos dispositivos que chegarán ao mercado no próximo ano 2021. Non cabe dúbida que un ano máis o buque insignia de Samsung, chame como se chame, será un dos modelos que captarán a atención, polo que carquera dato sobre eles resulta relevante.

Onleaks, un dos “filtradores” máis relevantes do panorama móbil, desvelaba a finais da semana pasada o que sería, supostamente, o deseño dos Galaxy S21 e S21 Ultra. Dicimos supostamente porque, sobre todo cando falta tanto tempo, hai que coller estes datos con cautela, xa que poden ser renders de prototipos non finais.

O que destaca das imaxes facilitadas é un cambio no deseño, que sen perder a esencia dos modelos de Samsung, resulta novidosa. Destaca, como xa aconteceu na meirande parte dos smartphones de gama alta desde 2020, un prominente módulo de cámara, que inclúe un total de catro sensores no S21 Ultra e tres no S21.

Polo de agora descoñécese cal sería a función de cada un, pero se a compañía segue a estratexia deste ano, no S21 Ultra estaríamos a falar dun sensor principal, acompañado dun gran angular, un teleobxectivo e un cuarto sensor periscópico.

No que respeta á pantalla, todo parece indicar que o modelo S21 contará cun panel plano, mentres que no S21 Ultra teríamos unha pantalla lixeiramente curvada. Aínda que se descoñecen os tamaños, todo fai indicar que estaríamos a falar dun trebello dunhas 6,2 polgadas, no caso do S21, que chegarían ás 6,7 ou 6,9 no caso do S21 Ultra.

En calquera caso, como xa dixemos ao comezo do artigo, hai que coller estes datos con cautela. Ao longo dos próximos meses teremos, sen dúbida, moitas máis filtracións que adiantarán características que poderemos disfrutar nos modelos finais.

Sobre o autor

Reply