HTC anuncia o HTC Desire 20+, un novo terminal de gama media

Timidamente HTC vai reaparecendo con novas propostas no mercado. Se a mediados de agosto anunciabamos a volta da marca ao noso país co HTC Desire 20 Pro, hoxe a compañía recolle titutlares co lanzamento en Taiwán do seu novo smartphone de gama media, o HTC Desire 20+. Trátase dun dispositivo no que a compañía aposta pola fotografía, contando cunha cámara de catro sensores, e unha gran batería para ofrecer unha longa autonomía.

As características deste novo terminal amósannos que se trata dun modelo moi equilabrado, apostando pola combinación dun procesador Qualcomm Snapdragon 720G que chega acompañado de 6 GB de RAM e 128 GB de almacenaxe interna, ampliábel por tarxetas microSD.

A pantalla é un panel IPS Full HD+ (1600 x 720 píxeles) de 6,5 polgadas e relación de aspecto 20:9, e a súa batería – un dos puntos fortes do dispositivo – de 5000 mAh de capacidade con carga rápida Quick Charge 4.0.

No apartado fotográfico temos unha cámara traseira cuádruple, formada por un sensor principal de 48 Mpx con f/1.8, un ultra gran angular de 5 Mpx, un sensor macro de 2 Mpx e un sensor de profundidade de 5 Mpx. A cámara frontal é de 16 Mpx con f/2.0.

No apartado da conectividade temos 4G – LTE, WiFi, Bluetooth 5.0, dual SIM, GPS e GLONASS, así como sensor de pegadas dixitais traseiro, jack de auriculares, NFC e conector USB-C.

Dispoñibilidade e prezo

O novo HTC Desire 20+ presentouse en Taiwán, onde custará 8540 dólares taiwaneses (arredor de 250 euros ao cambio). Chegará ao mercado en dúas cores, negro e laranxa, mais de momento descoñecemos se tamén se vai comercializar aquí.

Sobre o autor

Reply