“Crowdfunding”, “financiamento colectivo” ou “micromecenado” son termos en boca de todos nestes tempos. Trátase dunha forma de xuntar pequenas cantidades económicas para levar adiante un proxecto de calquera tipo.

No noso caso, o proxecto é este blog, un medio no que, día a día, mallamos na actualidade tecnolóxica, analizamos trebellos e aplicacións, asesoramos a quen nos pide consello, facemos seguemento e cubrimos toda clase de feiras e eventos… e facémolo en galego, na lingua do noso país.

Crecer fainos ter máis gastos, imprescindíbeis para mellorar e sermos aínda máis útiles para todas e todos vós, que nos ledes a cotío. Por iso queremos pedirvos que nos botedes unha man en forma de aportación económica, na medida das vosas posibilidades.

Os cartos recadados non serán empregados como beneficio, somos un proxecto sen ánimo de lucro, senón para cubrir os gastos habituais do blog: mantemento xeral (dominios, …), coberturas de feiras, envíos dos agasallos que sorteamos… etc. Comprometémonos a ir dando conta dos movementos económicos que haxa, ingresos e gastos, detallándoos para que os poidades consultar.

Pomos á vosa disposición dous métodos de colaboración, un baixo o modelo de suscrición e outro de doazón. Co primeiro poderedes aboar unha cantidade fixa ao mes (1, 2 ou 5 €), mentres que coa doazón faredes unha aportación única da cantidade que estimedes (iso si, podedes facer tantas doazóns como queirades). En calquera caso, ficaremos ENORMEMENTE agradecidas 🙂