Mallando Eventos. SIMO Network 2010 (IV): HP

Vista xeral do stand de HP

HP foi un dos partners de SIMO Network 2010, quizais por iso contaba cun dos stands máis completos da feira. Ademais, aproveitou o evento para presentar novos produtos, algúns deles orientados ao mundo 3D, mais tampouco faltaron portátiles e netbooks, algún un tanto curioso.
Compaq Airlife 100
É un smartphone? É un ultraportátil? É ambas cousas. HP achegou á feira o Compaq Airlife 100, un dispositivo que se ben xa fora presentado aló polo mes de abril, non houbo unha campaña potente de lanzamento.
Trátase dun ultraportátil con conexión 3G (leva inserida unha tarxeta SIM exclusiva de Movistar, malia que posúe outro tipo de conexións como WiFi ou BlueTooth), que pretende ser unha solución de mobilidade. Ten unha pantalla táctil de 10.1 polgadas, teclado completo e como sistema operativo Android 1.6. Ademais, posúe unha batería de longa duración, acadando 12 horas de traballo ou 10 días en standby. Pero se hai algo que chama a atención é o arranque instantáneo: con tan só levantar a pantalla teremos o dispositivo operativo para acceder ao noso correo electrónico ou navegar por Internet.
Non terá posibilidade de actualización a versións posteriores de Android e tampouco ten acceso ao Android Market tal e como o coñecemos, xa que Google non certifica a priori as aplicacións para este tipo de pantallas. Neste sentido, poderemos acceder a un Market de HP no que aparecerán as aplicacións certificadas por HP para o tipo de pantalla que leva este dispositivo.
Entrevistámonos con Javier Pascual, membro de HP e Responsábel de Formación da Cadena Telyco.
Pensar en grande
Máis aló deste dispositivo, HP foi a SIMO facendo un chamamento ás PEMES e emprendedores a “Pensar en grande”, no sentido de ofrecerlles solucións tecnolóxicas avanzadas para facer realidade calquera proxecto empresarial.
Ademais, achegaron novos dispositivos dotados de tecnoloxía 3D: A HP Designjet 3D, unha impresora de pezas físicas a partires de planos ou o HP Envy 17 3D Edition, un portátil para creadores de contidos 3D, como deseñadores de pezas mecánicas, arquitectónicas ou para animación
Imaxe da HP Designjet 3D
Multimedia

Sobre o autor

Reply