Actualízase Foursquare, con máis ofertas e moito máis social

A guerra está servida: Google Maps mellora o seu perfil social e Foursquare responde. 
Xa temos falado desta aplicación, a medio camiño entre social e xogo, no que os usuarios podemos facer check-in en locais ou lugares de interese e competir por ter alcaldías (Mayorships) e gañar mencións por facer certas cousas (badges).
Agora lanzan a versión 3.0, engade tres novas e destacadas funcionalidades. A primeira delas é unha nova pestana, Explore, que permite buscar establecementos próximos a onde esteamos para descubrir. Conta con cinco botóns predefinidos (comida, café, vida nocturna, tendas e arte e entretemento), pero a maiores poderemos buscar o que nos apeteza.

Tamén mellora o perfil social, podendo ver as nosas estatísticas e as dos nosos amigos dun xeito moito máis directo, así como tamén a conta do número de check ins que temos, os badges, as alcaldías… e ver a comparanza de datos cos nosos contactos.

Por último, anúncianse novas ofertas grazas á verificación de moitos establecementos, algo que era necesario se non querían quedar atrás logo das ofertas que presentou Facebook co lanzamento de Places (ao rexistrarse nos Starbucks, daban un café de balde). A min, por exemplo, onde estou agora, sáenme promocións dunha cafetaría que dan un café de balde cando levas 3 check ins e unha clínica dentista que dan revisión eunha limpeza de balde só por chequear.

A nova versión está dispoñíbel no Market para todos os androides 1.6 e superiores.

Sobre o autor

Reply