Dende a chegada ao mundo dos videoxogos do mundialmente coñecido Brain Training, parece que está de moda o de exercitar a memoria e tela sempre ben en forma, e dende logo no mundo Android tamén temos alternativa. Chámase Memory Trainer e vén para encher ese oco na nosa memoria.
Memory Trainer é unha aplicación baseada no traballo diario co noso cerebro, para iso conta cun pequeno calendario onde dispón o traballo diario e o grao de dificultade, que irá en aumento segundo van pasando os días.
Para traballar dispón de 5 tipos de exercicios, TileFlip, Numberz, Sequencer, GridGrind e To-Doku, cada un feito para traballar un aspecto diferente, por exemplo To-Doku serve para mellorar a concentración e a memoria. Se o preferides tamén podedes traballar libremente escollendo vós o tipo de exercicio que queredes facer, en calquer caso, dispoñedes dunha táboa onde comprobar o voso progreso.
Se lle tivera que poñer unha pega sería que está en inglés, pero aínda así é doado de entender. Memory Trainer é unha aplicación gratuíta dispoñible no Market para versións 1.5 ou superiores.