O Xperia Play chega por fin ao mercado español

O que ás veces nos amarga de Android é que se nos presentan terminais marabillosos que, sen embargo, tardan moito en chegar ao mercado español, como aconteceu no seu día co Nexus One. 
Parece que, sen embargo, Sony Ericsson fixo os seus deberes e dende hoxe xa temos dispoñíbel o Xperia Play, que descubrimos durante o Mobile World Congress e vén a ser unha mixtura entre móbil e consola portátil.
A modo de resumo, lembramos as súas principais características:
  • Dimensións: 119 x 62 x 16 mm e 175 gramos.
  • Pantalla: TFT de 4 polgadas e 854×480 píxeles.
  • Redes: GSM/GPRS/UMTS/HSPA.
  • Memoria interna: 400 MB, ampliábel a 32 GB con microSD.
  • Cámara: dobre cámara, a traseira de 5,1 MP.
  • Conectividade: WiFi, USB, aGPS, jack 3.5 mm

Para dalo a coñecer, Sony vén de poñer en marcha unha potentísima campaña de marketing nas que, como é de agardar, faise especial fincapé na súa capacidade de xogo, que arrancou cun evento que tivo lugar esta mañá en Madrid no que se deron cita diversos personaxes de videoxogos, agrupados no ‘Sindicato de Héroes y Villanos de los Videojuegos’.
Este sindicato protesta polo exceso de traballo ao que serán sometidos agora que existe un teléfono-consola, o que lles fará máis complicado conciliar vida familiar e profesional.
Non deixa de ser orixinal a campaña, eh?
Pero poñéndonos máis serios, o Xperia Play estará no mercado cun prezo libre de 649 €, e poderase adquirir a través de El Corte Inglés, The Phone House, Fnac e Sony Style Store. Ademais, haberá outras ofertas vencelladas a contratos con todas as operadoras.
¿Que vos parece a idea de conciliar Play Station e teléfono nun único dispositivo?

Sobre o autor

Reply