O Android Market ponse a cabeza das aplicacións gratuítas

Android é un sistema operativo que está en pleno auxe. Isto non é nada novo, apenas fai uns días saía unha enquisa onde se situaba como o sistema máis utilizado nos Estados Unidos, as grandes marcas apostan por el tanto como sistema para os seus teléfonos coma para as súas tablets e as operadoras de telefonía enchen as súas revistas con isos bonecos verdes que tanto nos gustan.
Non cabe dúbida de que cada vez somos máis o que o utilizamos no noso día a día. Pero quizás un dos puntos débiles que teña Android sexa o seu Market, non porque sexa un mal Market, senón porque o número de aplicacións non aumenta da mesma forma que os seus competidores.
 
Pero parece que incluso nisto podemos estar por diante parcialmente, pois grazas a Distimo, unha empresa americana encargada de facer análises, enterámonos que o Android Market encabeza a clasificación de markets por aplicacións gratuítas, ou o que é o mesmo, conta con 134,342 aplicacións gratuítas, 12,497 máis que o seu competidor máis directo, a App Store.
E isto que significa? Pois para min isto significa dúas cousas, a primeira é que o Android Market é unha tenda a que aínda lle queda por medrar, as aplicacións gratuítas serven moitas veces para tantexar o terreo e ver se se poden levar adiante proxectos máis grandes ou se existe mercado potencial para despois sacar a aplicación de pago; a segunda é que vai por bo camiño, pois aínda que entre esas 134,342 aplicacións existen algunha de un só uso estou seguro de que son moitas menos que nas dos mercados dos competidores, especialmente na App Store na que a fama trouxo tras de si un gran número de aplicacións inútiles, o que quere dicir que se ofertan un maior número de aplicacións gratuítas e de calidade.
En definitiva o Market está na boa dirección, e se todo segue igual pronto deixará de ser unha escusa para pasar a formar parte das vantaxes de Android.

Sobre o autor

Reply