Estamos acostumados a que os smartphones sexan algo delicados. Non quero dicir que haxa que andar con eles como se foran unha ducia de ovos, pero si que hai que ter con eles certas precaucións se queremos mantelos impolutos como o primeiro día.
Por iso sorprenden apostas como a de Casio co seu novo terminal, o GZ One Commando, que de momento só estará dispoñíbel no mercado norteamericano a través da operadora Verizon Wireless.
O que fai especial a este terminal é a súa resistencia a factores extremos: caída na auga, choiva, golpes, temperaturas extremas (-25ºC a +85ºC)…
Mais todo ilo sen perder o caracter de smartphone en toda regra. De feito conta cunha pantalla táctil de 3,6 polgadas e resolución de 480×800 píxeles, 512 Mb de RAM e 1 GB de almacenaxe interna, ampliábel grazas ás tarxetas microSD, WiFi, Bluetooth, cámara de 5 MP, termómetro… todo ilo contando con Android 2.2 (Froyo) como sistema operativo.
O complemento ideal para saír á montaña con el. Creo que cun dispositivo coma este podería esquecerme das fundas estancas para o Nexus One que levo cando vou de roteiro…