Xa está aquí! Google acaba de anunciar o seu servizo de música, co nome de Music Beta, que de momento só está dispoñíbel mediante convite para usuarios de Estados Unidos.
Trátase dun servizo que permite escoitar música aló onde estemos, ben sexa a través de streaming dende a aplicación de música dispoñíbel no Market, dende a versión web ou en local para as cancións que teñamos reproducido recentemente.
E como en calquera outro servizo de Google a sincronización entre todos os nosos dispositivos é total: unha vez que temos a nosa música subida, xa a temos dispoñíbel dende calquera lugar que accedamos, ao igual que as listaxes de reprodución.
Poderemos subir a música dende o noso computador, incluso a libraría de iTunes e as listaxes que se teñan feito neste, así como ter configurado que cando metamos nova música no ordenador esta sexa incluída no noso directorio online.
En canto a capacidade, Google proveerá espazo para almacenar unhas 200.000 cancións (arredor de 5 GB).
Google tamén ofrece con este servizo a posibilidade de crear mixturas musicais automaticamente baseándose en similitudes entre as cancións que teñamos na nosa libraría, para que “podamos pasar máis tempo escoitando música ca organizándoa”.
Vexámolo en vídeo:
A aplicación está dispoñíbel no Market gratuitamente, inda que non é moi útil porque tan só nos permite escoitar a música en local, ao non poder pedir un convite.
Só nos queda agardar que non tarde moito en chegar a Europa