Dende a chegada do Nexus S, a expansión do NFC está a ser imparábel e case todos os novos terminais xa veñen con el. Xa temos falado do que podemos facer con este chip, o máis habitual é a realización de pagamentos e a identificación.
Google vén de darlle un novo empuxón a esta tecnoloxía co lanzamento dun novo servizo, Google Wallet, que, simplificando moito, fará do noso smartphone a nosa tarxeta bancaria. De momento só está dispoñíbel nas cidades de Nova Iorque e San Francisco, inda que os plans de Google son de extender o servizo a máis cidades norteamericanas. Polo de agora non se fala nada da posíbel expansión europea.
Funcionamento
O funcionamento do sistema é extremadamente sinxelo: á hora de pagar deberemos achegar o noso teléfono ao terminal de cobre e na pantalla veremos unha solicitude para ingresar o noso PIN, que confirmará a operación.
Google Offers
Alén diso, pero venecellado, Google anunciou novidades en Offers, o servizo de ofertas propio. Agora, os usuarios de Wallet verán ofertas próximas que se lle aplicarán sen ter que facer nada máis pola “intelixencia” do NFC.
Mais non só iso, se temos tarxetas de socio, tamén se nos pasarán automatiamente sen ter que andar con 20 tarxetas diferentes enriba.
Dende logo, non sei a vós, pero a min paréceme o futuro para facer os pagos. Mágoa que acó, como sempre, chegan tarde…
Máis info: Google Wallet