Probamos Google Music

O venres á noitiña recibín un correo que me aledou o día: o convite de Google para probar Google Music, servizo que de momento só está dispoñíbel nos EEUU.
Pero imos comezar polo principio: como é que tes un convite se non estás nos Estados Unidos? Pois ben, podemos facer un pequeno truco que vos pasamos a explicar para que, se queredes, pidades o convite. Basicamente trátase de “facer crer” aos servidores de Google que estamos aló, para o cal debemos seguir o pasos que detallamos a continuación:
Nota: recoméndase mudar a clave da nosa conta de Google antes do proceso (se queremos manter a que tiñamos antes ao remate) ou despois.
  1. No noso navegador, entramos nun proxy, por exemplo Kproxy: http://www.kproxy.com
  2. No cadro, introducimos o seguinte enderezo: http://music.google.com/music/usernotinvited e clicamos Surf.
  3. Introducimos os nosos datos de Google.
  4. Ao entrar, clicamos en Apuntarse á beta.
  5. Pasado algún tempo recibiremos o correo coa ligazón para poder comezar a usar o servizo.
É posíbel que ao facer o paso 2-3 nos diga que o servizo non está dispoñíbel no noso país. Repetindo a operación (unha ou 2 veces) poderemos facelo.
Unha vez teñamos recibido o convite e sigamos os pasos típicos de “aceptación dos termos do servizo”, Google ofreceranos a posibilidade de precargar na nosa conta un número interesante de cancións de xeito gratuíto para non partir de cero, organizado por estilos.
E así chegamos á consola principal, que ten este aspecto:
Como podedes observar, na columna da esquerda dispomos das diferentes posibilidades de organización (por novidade, por xénero, por artista, por álbume…), logo tamén as listas de reprodución que teñamos feito nós e unha das características máis destacadas: mixes instantáneos.
Trátase de escoller unha canción e que Google faga un mix de 25 temas automaticamente, no que ten en conta similitudes de estilos e variedade, o cal fai moi ben.
Na parte inferior da páxina vemos o reprodutor, co play e os botóns de previo/seguinte, así como tamén silencio, repetir ou reprodució aleatoria.
Pero se vos fixades falta por falar algo importante: como agregar música? Para ilo temos que descargar un xestor, que polo de agora só está dispoñíbel en Windows e Mac (punto en contra, u-lo Linux?). Nel seleccionamos o cartafol (ou galería iTunes…) e esta sincronizarase automaticamente, subindo os nosos arquivos á nube. Así de sinxelo. A música aparecerá automaticamente na vesión web… e nas aplicacións que teñamos instaladas nos nosos dispositivos Android.
Porque iso é outra xenial característica de Google Music: que todo o que agreguemos o teremos dispoñíbel dende calquera computador con acceso a Internet ou das aplicacións Google Music dos nosos Androides, sen necesidade de cables… marabilloso, ou non?
A aplicación é válida para todos os Androides 1.6 e superiores e varía o seu aspecto segundo se execute nun smartphone ou nunha tablet (Honeycomb), como se pode ver nestas capturas:
E así até 20.000 cancións, que é o límite de espazo que ten este servizo, a lo menos na súa fase beta.
Dende o Market non poderedes instalar a aplicación (ao non estar dispoñíbel dende España), pero podedes instalala igualmente dende esta ligazón, que é a oficial, limpa e verificada.
Podedes instalala igual aínda que non teñades recibido o convite, inda que neste caso só como reprodutor local.
Persoalmente paréceme que este servizo é un gran paso de Google e unha ferramenta moi útil, malia que lle vexo certas eivas, como a non posibilidade de subir cancións directamente dende a interface web e ter que depender do xestor, que de momento non está dispoñíbel para todos os sistemas operativos.

Sobre o autor

2 Comments

  1. Gabriel 6 Xuño, 2011 Responder
  2. iago varela 6 Xuño, 2011 Responder

Reply