[Actualización]: A imaxe resoltou non ser dun novo modelo de LG, senón dun terminal presentado o ano pasado nalgúns países non europeos.
O Nexus One foi fabricado por HTC. O Nexus S por Samsung. A primeira tablet Honeycomb por Motorola. Falta algún destacado partner de Google por ter o seu dispositivo? Efectivamente, LG.
LG está a apostar fortemente por Android con dispositivos moi destacados. Xa vimos o Optimus 2X, o Black e o 3D, todos números 1 en algo: en velocidade, en calidade de pantalla par exteriores e en ter capacidade 3D.
Por iso os rumores sobre a posíbel fabricación do vindeiro Nexus por LG son máis que fundados. Ademais, podemos adiantarvos de boa fonte (non revelábel polo de agora) que efectivamente LG está a traballar nesta liña (aínda que isto non significa que vaia a ser o fabricante final).
A imaxe superior, supostamente filtrada por un traballador de LG en Indonesia, podería ser o prototipo dese novo Nexus. É habitual que os fabricantes filtren imaxes como por accidente para ver que se fala delas na rede… así que se queredes criticar o deseño, este é o momento, que igual mesmo introducen as vosas aportacións ao deseño 😉
O que si é seguro é que contará con Ice Cream Sandwich, a versión de Android que verá a luz cara finais de ano e servirá tanto para tablets coma para smartphones.